MARINA MAYORAL, escritora
14 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Este domingo pasado rematou a feira do libro en Madrid, despois de tres semanas de duración. Un fenómeno social de tal envergadura, tanto pola xente como polos cartos que move, coido que merece algunha reflexión.
Parece claro que xa non hai feitos de cultura puros. Vivimos nun mundo no que calquera feito cultural participa das técnicas de mercado. E, de igual maneira que nos supermercados che poñen ó alcance dos ollos e da man cousas innecesarias que un acaba por meter na cesta, os libros teñen que saír do ámbito pechado das librerías e poñerse ó aire libre, porque aí é onde os merca xente que non os mercaría noutro lado.
Para min, como compradora habitual de libros, resulta difícil de entender o atractivo dun lugar onde se aliñan máis de quinientas casetas e se apiña unha multitude compacta na que non faltan carriños de nenos pequenos e outra serie de necesarios artiluxios.
O mesmo que a maioría do público merca alí, pode atoparse na librería do barrio ou nos súper onde se fai a compra do mes. ¿Por que van á feira?
Razóns diversas
Coido que hai diversas razóns. Unha é esa á que se refire o refrán «¿Onde vai Vicente? Onde vai a xente». Ou sexa, a publicidade. Sábese que vai moita xente, dío o periódico, a tele; e á xente gústalle estar onde están os outros, sobre todo se a entrada é gratuita.
Outra é que moita xente síntese incómoda nas librerías. Parécelles que poñerse a ollar ou a follear un libro e non mercalo está mal visto, cousa que non lle sucede na feira.
Unha razón máis é o contacto cos autores. E aquí teño que dicir que a min sempre me emocionan esas persoas que non só se achegan á caseta para mercar o teu libro senón que che din canto lles gusta. E cando son tímidos e non falan, véselles tan contentos de que lles poñas algo personal nel. Este é o aspecto para min máis atractivo: a comunicación directa cun público favorable que só se da nese ámbito. Ó periódico pódenche escribir insultándote; á feira so te van ver os que te queren ben. E eses disfrutan vendo e falando ó autor co que disfrutaron a soas.
Esa é tamén a razón pola que eu vou firmar, e supoño que moitos coma min. Por sentir e ver de perto ese «lector implícito» co que todo escritor, dende a súa inevitable soedade, conta.