DE NOVO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

13 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O luns, como era día festivo en Francia, os franceses, a eso das sete da tarde leváronnos a un sitio que se chama Cabaret Sauvage e que ten como anagrama un corazón atravesado por un coitelo de cociña, metéronnos alí e déronnos unha cea con baile. Eu descubrín bastante asombrado que entre os escritores e as escritoras hai verdadeiros virtuosos, incluídos os máis vellos, e que case todo o mundo se puxo de tiros largos, sen aforrar as transparencias máis atrevidas, nas que a triunfadora foi unha poetisa búlgara, moi comentada. De noite, cando volviamos para o hotel nos autobuses, había bastante xente algo mareada. Para compensar a frivolidade da víspera, onte recibiunos a ministra de Cultura no salón nobre do ministerio, falounos da importancia simbólica da nosa viaxe e despois convidounos a un aperitivo. Tivo a xentileza de falar con todos, un por un. Por certo que a min me preguntou por Galicia, non sei se con interés, pero si con cortesía. Pola tarde, empezou de novo o traballo, despois dun par de días de descanso: periodistas, mesas redondas, recitais, lecturas de textos. Fálase moito das novas tecnoloxías e eu xa participei nunha mesa redonda ó respecto. Sorprendeume que noutro debate no que tamén tomei parte para explicar en qué consiste eso da lingua e a literatura galega, fose seguido por internet en directo por perto de tres mil persoas en todo o mundo, desde os Estados Unidos ó Xapón. Haberá que ir afacéndose a esta nova realidade e que as conferencias xa non se dan só para os que asisten en presencia, senón para rostros invisibles que nos espían desde as súas casas. A min paréceme ben.