ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
11 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Galicia non é un país nin tan sumiso nin tan silencioso como puidese parecer. Hai anos, un forte movemento social de denuncia e antecipación ó inmobilismo institucional reclamou a atención de todos sobre o problema da toxicomanía. Eran as nais antidroga. Un dos seus argumentos máis contundentes de intervención foi a loita contra os narcotraficantes: mentres os seus fillos morrían ou malvivían nas cadeas, os grandes traficantes ían acumulando riquezas e burlando o presunto rigor da xustiza. O razoamento era válido e eficaz, a pesar de basarse nunha mentira útil: Miñanco, Oubiña ou os Charlin movían (ou moveron ata onde se sabe) cantidades inxentes de tabaco, hachís e cocaína pero nin un só gramo de heroína, a macabra sustancia que destruía ós seus fillos. Os últimos e reiterados apreixamentos de heroína en Galicia poñen de relevo unha situación cambiante e para peor. Cando as autoridades alardean de eficacia medida en quilos por alixo, ben poderiamos darlle a volta ó argumento. ¿Cantos máis quilos de heroína non circularán polo noso país?