FRANCO, CALUMNIADO

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO. BEATUS QUI LEGIT

07 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Acabo de pronunciar en Ferrol (en Ferrol de Pablo Iglesias) unha conferencia titulada «A literatura galega coa Guerra Civil ó fondo». Non é a primeira vez que diserto sobre o tema, asunto que cada vez me importa máis. Ó día seguinte, un xornal galego, en titulares, puxo na miña boca estas palabras: «É unha calumnia afirmar que Franco prohibiu o galego na Guerra Civil». Como moitos lectores non pasan dos titulares, algúns chamáronme por teléfono sorprendidos do meu franquismo, «franquismo» que paga a pena explicar. En efecto, Franco nunca prohibiu a presencia da lingua galega no libro, nin sequera nos anos da Guerra Civil. Non houbo prohibición de iure aínda que os franquistas creasen un clima hostil para que no 1937 (ou no 1940, ou no 1942...) ninguén ousase publicar un libro ou un folleto «en dialecto». Non houbo prohibición de iure; hóuboa, á súa maneira, na Guerra Civil e nos primeiros anos da Posguerra, de facto. Nese período, os escritores galeguistas (Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro...) non publican, en Galicia, libros nin opúsculos en galego, nin sequera sobre temas inocentes. Sen embargo, en plena Guerra Civil, non escasearon os textos en galego de esctitores decididamente franquistas. Lisardo Rodríguez Barreiro, poeta e farmacéutico de Vilagarcía, publicou con pseudónimo un «romance de cego» en defensa do valor dos soldados galegos que combatían contra a Asturias «roxa» (Vigo, Gráficas Gutenberg, 1936). Unha dama falanxista viguesa, Mercedes Viso Troncoso, que asinaba «Mechitas de Vigo», é autora dun opúsculo bilingüe no que hai poemas en galego dun franquismo tan exaltado como atípico. Nun deles, por exemplo, descríbese como unha pulga impide que unha bala dos roxos fure o peito dun heroico lexionario.
Así pois, houbo nos tres anos da Guerra Civil e nos primeiros da Posguerra, literatura en galego, feita por persoas que apluadían a Franco, e aplaudíano porque Franco, ademais de sublevarse contra as esquerdas (legalmente, no Goberno), alzouse contra os Estatutos de Autonomía. En calquera caso, ninguén ten amosado un documento legal da época de Franco que prohíba un libro (ou un folleto) polo feito de estar en galego. O Mussolini de Ferrol estaba ben asesorado e sabía moi ben que tipo de manifestacións lingüísticas cumpría prohibir ou contaminar.