OS VALORES AMBIGUOS DA TV

La Voz

OPINIÓN

MIGUEL ANXO ARAÚJO IGLESIAS, bispo emérito de Mondoñedo-Ferrol A torcedura máis grave para o mundo infantil que ofrece a televisión vén sendo a moral. O «bo» da película ou reportaxe amosa en casos comportamentos violentos e crueis. A especial percepción emocional da mensaxe televisiva fai que se cheguen a aceptar comportamentos inmorais _roubos, chantaxes, enganos, homicidios_ se se dá o caso que os adopta un personaxe simpático.

03 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A torcedura máis grave para o mundo infantil que ofrece a televisión vén sendo a moral. O «bo» da película ou reportaxe amosa en casos comportamentos violentos e crueis. A especial percepción emocional da mensaxe televisiva fai que se cheguen a aceptar comportamentos inmorais _roubos, chantaxes, enganos, homicidios_ se se dá o caso que os adopta un personaxe simpático. Esta ambigüidade tamén se percibe nas mensaxes de rexeito das drogas. O problema e maila información sexual, que esixe un coidado especial e unha delicadeza sutil, móstrase case sempre dun xeito case ou decididamente pronográfico, de maneira inoportuna, entretecidas con historias, series de «debates» que nada teñen que ver coa verdadeira formación. Nun estudio realizado nos Estados Unidos no ano 1986, demostrouse que o espectador adolescente viña estando exposto a un promedio de 2.500 referencias ó sexo no período dun ano, por outra parte tratadas case sempre nun contexto violento ou cómico. A televisión vén sendo un medio publicitario moi importante e para iso ha de potencia-los seus efectos persuasivos e manipuladores, fomentando aqueles valores que forzan psicoloxicamente ós espectadores de tódalas idades ó consumo, e que poden levar a pautas de conductas verdadeiramente insidiosas para a formación infantil. Os valores instrumentais máis expostos e adoviados son aqueles que din relación con ser fermosos, xuvenís, sexys e atractivos, astutos, e aparecerán moito menos os valerosos, os perdoadores, os serviciais. Entre os valores terminais, a felicidade é subliñada como valor egoísta e enche o 60% das mensaxes; e o recoñecemento social, o segundo. Moito máis escasos amósanse a igualdade, a amizade ou a solidariedade. Os rapaces reciben unha información sobre o mundo enganosa e negativa. Os telespectadores teñen que enfrontarse con outro valor pouco recomendable: o da linguaxe usada na televisión. Tecnicamente, a linguaxe que sole usar tanto a radio como a televisión non soe ser un exemplo de perfección sintáctica. Por outra parte, moralmente _nun afán de se adaptaren á linguaxe do pobo_ caen a cotío os locutores nunha linguaxe que sempre considerou o mesmo pobo impropia dun medio público. Pero como para os rapaces, a televisión resulta a grande mestra en tódolas ordes, nin terán dificultade en aceptar «palabrotas» e «interxeccións».