REFERENDO DO SÁHARA

La Voz

OPINIÓN

CAMIÑO NOIA

30 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasei a Semana Santa nos campamentos de refuxiados saharauís cun grupo de galegos. Levamos un cargamento de material escolar e de medicamentos doados xenerosamente por persoas que se doen da situación de miseria do pobo saharauí. Convivimos con eles en familia e compartimos as súas carencias. Recorremos escolas, visitamos o hospital de Randuni, unha granxa de polos e un depósito co armamento capturado ós marroquís: metralladoras construídas en Francia, Inglaterra y na España de 1984; fusís, tanques e centos de minas anticarro e antipersoa. ¡Unha vergonza humana! Os saharauís que fuxiron da súa terra ante a invasión de Marrocos, chamada «Marcha verde», levan vintecinco anos na provisionalidade agardando o retorno para poder vivir con dignidade. Desde 1991 esperan a celebración do referendo prometido polas Nacións Unidas e adiado en vintedúas ocasións, mentres seguen substentándose coa axuda humanitaria. Os profesionais formados en Cuba, en España ou en Alxeria (médicos, mestres, veterinarios, avogados, enxeñeiros agrícolas e licenciados en económicas ou en ciencias políticas) esperan ter un territorio onde construír unha sociedade que os necesite, e non facer simplemente de guías dos europeos. Unha situación absurda e insostible da que son responsables os gobernos europeos e os funcionarios ben pagados das grandes institucións internacionais. Nas últimas semanas, a prensa informaba sobre a reunión en Londres dos representantes dos gobernos de Alxeria, de Marrocos e do Frente Polisario promovida polo «amigo americano». O ex secretario de Estado, James Baker, despois de falar con uns e con outros trata de darlle unha solución ó problema do Sáhara «español». E leo con abraio en El País (14-V-2000) que os diplomáticos da Minurso, a Misión das Nacións Unidas para o Sáhara Occidental creada en 1991 para preparar o referendo de autodeterminación, teñen moi bos soldos, substanciosas primas, fan excursións ó deserto, alóxanse en confortables hoteis e organizan festas nocturnas na praia (sic), un auténtico esperpento, en opinión do coronel Emilio Cuevas. Para este experto en asuntos do Sáhara, ningún dos dirixentes implicados no conflicto ten vontade de solucionalo. Os marroquís por razóns evidentes e os dirixentes do Frente Polisario e mailos «minursos» porque de amañaren o problema quedarían sen choio. O Estado español, corresponsable da situación que padecen os refuxiados saharauís, debería abandeirar ante Europa o seu dereito a vivir no territorio ocupado por Marrocos. Estamos nunha etapa de recoñecemento de culpabilidades (o Papa e Schröder deron exemplo), mais parece que o goberno de España non considera politicamente correcto molestar a monarquía dictatorial, aínda que teña que mendigar as cotas de pesca nos caladoiros da antiga colonia. Como fixo Portugal en Timor, o Estado Español tería que presionar a Marrocos, ou a quen corresponda, para que dunha vez por todas os saharauís poidan facer o prometido referendo, sen fraude, que lles devolva o Sáhara sen loita armada. Se España desbota a oportunidade que ten de protagonizar a defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharauí, será o Irmán americano quen rentabilice a intervención.