TEÑO UN AMIGO QUE ME LE.

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO.CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO

28 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

E mandoume o seu libro para me facer ver que neso do galeguismo sabe moi ben como se formou, máis outras circunstancias que eu tiña as miñas dúbidas que as entendera en razón das conclusións a que chegaba. Teño que recoñecer o erro das miñas sospeitas e agradecer de verdade que se teña dado por aludido ofrecéndome a súa visión deste tema.
Craro está que a pesar desta boa disposición non é posible estar de acordo coa interpretación que quere darlle ao galeguismo. Por cousas que di, semella estar influído polo galeguismo culturalista de certos sectores sobre os que pesan os coarenta anos do franquismo nos que o galeguismo non se podía manifestar doutro xeito, espírito que perdura logo dos vintedous anos de aprobada a Constitución. Estamos de acordo en que era o máximo que se podía conseguir naqueles intres. E, posiblemente, esa carta magna podía aínda ser válida se houbese voluntade de interpretala de acordo coa realidade, desbotando ese carácter que ten de café para todos sen ter en conta a diferencia estructural das culturas que se integran no Estado.
Parece ser que meu amigo acepta que se poda discutir e discrepar. Non importa que uns señan máis progresistas que outros. Europa estase a construír con ideas distintas que, en xeral, compiten e se alternan nas decisións. A min me parece que o meu amigo quere xustificar a situación que nos diron, senón como a mellor como a única posible, e ao tentar facelo con rigor historicista créase el mesmo contradiccións, que levadas á práctica dan un resultado negativo para Galiza.
Polas obras os coñeceredes, di o adagio, e as obras non poden ser peores para Galiza. Esas disquisicións de se o nacionalismo é unha cousa e o galeguismo outra, que se podemos ser galegos ao mesmo tempo que somos españois, é como andar a revolver nas tripas que non teñen os problemas de Galiza, porque os problemas da nosa terra son outros. Ademais, meu amigo di algo que bota por terra a maior parte das cousas que afirma, un tanto forzadas, e di: «A difinición de España como nación que se expresa no texto constitucional non pode entenderse doutro xeito que non sexa o do Estado-nación, aínda que fose forzando a interpretación, pois non cabe falar de nación española nun sentido orgánico, nin sequera en sentido histórico, como non sexa na súa contextualización como Estado». Con esta afirmación, que se contradí con outras que fai, estamos de acordo, como o está tamén Pujol cando escandalizou a moitos ao dicir que España non era unha nación. España é un Estado plurinacional e os carpetovetónicos son tan nacionalistas como podamos ser os galegos.
Recorda Castelao que «...o libro de Brañas, `El Regionalismo'', impreso en 1889, foi o primeiro compendio doutrinal do autonomismo galego, cando nin Prat de la Riba nin Sabino Arana Gori deran a luz ningún escrito que hoxe se poida citar...». Pero hoxe Galiza non pinta ren no panorama español se non é a sumisión aos intereses do Goberno central, ben en contra do que lese no Estatuto galego de 1981 sobre a identidade de Galiza e os seus intereses, que hoxe pasaron a ser os intereses das empresas de Madrid, francesas, inglesas, andaluzas, norteamericanas... Si, xa sei que isto é como consecuencia ao respecto as leises do neo-liberalismo, que como burros que somos os galegos nos van convertendo a todos en peóns dos alleos. E por se fora pouco, sumámonos a chamarlles bastardos aos cataláns. Estas cousas nonas digo contra ninguén e moito menos contra ese amigo que me enviou o seu libro. As digo coa esperanza de que poidamos entendernos, estemos onde estemos, pondo os intereses supremos da Galiza por riba de calquer outro interese.