O GALEGO NON É UNIVERSAL

La Voz

OPINIÓN

MARIA PILAR GARCIA NEGRO

20 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Non: o galego non é apto para o ensino da matéria «Literatura Universal Contemporánea», segundo a Consellaria de Educación e Ordenación Universitária. Esta optativa, que se define como complementar da Literatura Galega e da Literatura Española, aparece adscrita aos seminários desta última, en 1995, de forma provisória. No recente debate parlamentar sobre a adscrición desta matéria, esperabamos que se autorizase a sua impartición por parte de profesoras-es de Literatura Galega, en ben da lóxica, da igualdade de trato profisional e das expectativas de uso da língua galega como veicular do ensino. Non foi asi. Argüíu o conselleiro do ramo que os profesores de «Língua Castelá» están máis e mellor preparados; estudaron no temário de oposicións máis literatura universal e, sobre de todo, axuda (imparti-la en español e desde a Literatura Española) a curar o fracaso escolar que acada cifras dun 80% en «Língua Castelá» (sic) e apenas dun 30% en «Língua Galega» (curioso, nonsi?).O universalAté aqui o resumo do debate, polo que toca á resposta oficial. Nós argüíamos evidéncias e necesidades como as que seguen:a) a convencionalmente denominada «Literatura Universal» é perfeitamente ensinábel desde o galego e desde a Literatura Galega, a non ser que se ecuacione o «universal» co español (con saudades imperiais ou sen elas), ou que se considere que o universo galego e a cosmovisión particular que o galego incorpora ao mundo non sexan «universais» e só atinxan a categoria do «local» e doméstico (co cal incorreria-se en (endo)racismo flagrante); b) «casualmente», a Literatura Galega _alén de todo o servizo que lle prestou a este país_ conta con figuras indubitabelmente universais: ¿que outro cualificativo merece a obra de Rosalia de Castro, Castelao, Otero Pedraio, Blanco Amor, Avilés de Taramancos ou Pilar Pallarés?; c) mesmamente seria vital para o alunado galego asociaren o idioma do país, como língua veicular, e a sua literatura, como ponto de partida, ao coñecimento e aprezo doutras literaturas, doutras sociedades, doutras culturas («En galego, estamos no mundo» rezaba un lema de propaganda do idioma, abenzoado, por certo, por institucións oficiais); d) como o ensino e a cultura son iso, mais, tamén, son economia, dá-se a circunstáncia de que, hoxe, o mercado editorial galego conta no seu catálogo cunha aprezábel listaxe de obras e autores estranxeiros traducidos ao galego: Dante, Shakespeare, Goethe, Manzoni, Stendhal, George Sand, Bertold Brecht, Zora Neale Hurston, Chomsky, Louis-Jean Calvet... podemo-los ler en galego (e/ou en confronto coas edicións orixinais), ponto de partida que, de ser utilizado, incrementaria sen dúbida o número e a calidade das traducións xa existentes.Teño dito e escrito moitas veces (tamén, neste xornal) que quen politiza, para mal, a causa da língua galega é quen, ideoloxicamente, reduce e acadarma a sua utilización. Enrúbia recordarmos que os licenciados en Filoloxia Hispánica e en Filoloxia Galega de onte, hoxe profesores, tiveron praticamente o mesmo elenco de optativas, a saber: Literatura Italiana, Literatura Portuguesa, Literatura Francesa, Literatura Romanesa (coa obrigatoriedade da Literatura Hispanoamericana, no caso dos estudantes da primeira).Alarma que se poda alisar tanto a nosa própria história como para esquecer que Joyce, Rabindranat Tagore ou outros autores aparecen pioneiramente traducidos ao galego, en tempos en que a Galiza era definida, mesmamente, como «célula de universalidade».NaturalidadePreocupa que o que se fai, con toda a naturalidade, noutros países viciños, sexa negado, nun exercício de auto-coloniaxe deplorábel, no noso próprio país, e por vontade ou imposición de quen mais deberia velar pola exibición e defensa do galego e do feito en galego e desde o galego, exercício normal que calquer povo libre e orgulloso de si pratica. ¿Até cando, Catilina, etcétera?