XULIO RÍOS. AQUÍ FÓRA
18 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Paga a pena unha derrota como a sofrida por Blair e a súa terceira vía nos recentes comicios locais británicos se unicamente pode ser eclipsada por un acordo baseado na restauración das institucións autonómicas norirlandesas e unha nova actitude do IRA. Claro está que non existe relación de causa-efecto entre un episodio e outro, aínda que o desenvolvemento fáctico non podería ser máis oportuno para Blair.Se no IRA recaiu boa parte da responsabilidade polo parón do proceso, cómpre salientar que a súa equilibrada cesión contribuirá ó reforzamento da confianza entre as partes e da conciencia sobre a súa irreversibilidade.David Trimble non pode estragar a ocasión. En eterna precariedade interna, pero acomodado nunha situación que lle brinda argumentos recorrentes para tirar máis vantaxes dos negociadores, o líder protestante debe superar a súa fraxilidade. É probable que despois deste escollo veñan outros, pero o proceso gañou en firmeza. O IRA está a cruzar o rubicón. Os unionistas deberían facer o propio. Ogallá cunda o exemplo, alí, onde urxe tanto.