Xesús Alonso Montero: «A cultura é cultura se abre os ollos; se non, non o é»
CULTURA
Alonso Montero falará sobre Castelao a vindeira semana en Rusia
15 may 2014 . Actualizado a las 11:58 h.Admirador declarado da obra de Cervantes, Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) foi durante uns días Alonso Quijano. E en documento oficial. Con esa identidade puido viaxar en 1962 á Unión Soviética para participar no Congreso Mundial da Paz. A vindeira semana retorna a terras rusas, a San Petersburgo, desta vez para falar de Castelao e participar en diversos actos. Ademais, Xerais reedita os textos do seu heterónimo Pedro Petouto.
-¿Como foi o da súa viaxe alá?
-Eu acababa de ingresar no Partido Comunista de España, o 1 de maio de 1962 en Lugo, onde eu era catedrático de Lingua e Literatura españolas no instituto masculino. Dous meses despois o partido preguntoume se estaba disposto a ir. Eu tiña un pasaporte no que dicía «pasaporte del Estado español para viajar a todos los países del mundo excepto Rusia y sus satélites». Con el fun ata París, onde o Partido Comunista francés nos preparou un pasaporte falso e eu, que estaba en plena efervescencia cervantófila, puxen como nome Alonso Quijano.
-Foi con outros escritores...
-Estiven con José Agustín Goytisolo e Ricard Salvat, aínda que foi alí onde os coñecín. Tamén coñecín a Marcos Ana, unha figura histórica, que estivo 23 anos na cadea franquista. Aínda mantemos unha boa relación, segue a escribirme. Tamén me coñeceu moita xente a min, aínda que non sabía o meu nome, porque a primeira consigna que nos deron é que non llo revelásemos a ninguén. A nosa delegación estaba ao lado da de Estados Unidos, na que era evidente que viña xente da CIA.
-¿En que consistiu o congreso?
-A Unión Soviética estaba moi interesada na política da paz porque sabía que estaba perdendo a batalla económica, sabía que tiña que destinar a armamento moito diñeiro. Polo tanto, se as condicións no mundo cambiasen, quizá podería dedicar eses cartos a vivenda, por exemplo. Despois de Moscova fomos a Kiev e a Leningrado, onde vimos o cadro do afiador de Puga no Hermitage, ao que se lle vai facer unha homenaxe coa Banda de Gaitas de Ourense.
-Tamén lle van facer unha homenaxe ao equipo de tradución que coordina Elena Zernova...
-Levan publicados uns vinte tomos en 15 anos. Non hai institución cultural no mundo que teña unha colección desta magnitude. É unha selección bastante representativa da literatura galega. Agora aparece Nimbos, de Díaz Castro, en galego e ruso, cun prólogo meu. É unha boa colección, cun criterio e un programa de traballo moi rigorosos.
-Vén de recuperar o seu heterónimo Pedro Petouto. Non sei se a súa definición de cultura é de Petouto ou de Alonso Montero.
-A cultura é cultura se abre os ollos; se non, non o é. ¿E sería eu tan listo daquela que fun capaz de idear esa expresión ou ditouma o propio Petouto? O que fai Belén Esteban e nos venden como cultura non abre os ollos.
-Petouto era un mestre do século XIX pero as cousas que dicía en 1974 eran moi do seu tempo. ¿Que diría no 2014?
-Esas cousas que dicía, se as poño nas miña boca, non as admitirían. Pero un tipo medio tolo do XIX si podía facelo. Hai un trasfondo marxista, aínda que a Marx e a Engels non os cito. Logo, nos textos a partir de 1976 si puiden incluílos. Pedro Petouto agora pode falar cun pouco máis de liberdade e diría que o capitalismo é o responsable de todas as eivas neste momento en todo o mundo. Petouto, que era amigo das palabras, diría que o capitalismo hoxe é planeticida: non xenocida, senón planeticida.