Mestra do relato curto: velaí a xustificación da Academia sueca do Nobel a Alice Munro. Non era sen tempo, pois o relato adoita ser a cinsenta da ficción. Mesmo en Galicia, no que se practicou e se practica con mestría. Porén nesta beira do Atlántico son infrecuentes as antoloxías de relatos, como as publicadas anualmente nos Estados Unidos. Foi nunha destas onde lin por vez primeira un relato de Munro, Carried away, que captura algúns intres da vida dunha bibliotecaria, os seus amores e desamores, as súas iluminacións. A partir del procurei todos os seus libros.
Anos duros, falta de cartos, vilas afastadas, prexuízos sobre o que debe e non debe facer unha muller. Con eses vimbios, puntada a puntada, tece Munro as súas historias. Louisa, a protagonista de Carried away, é mal considerada na vila por beber un vaso de viño coa cea. Son historias contadas en voz baixa, con sutileza, sen acontecementos espectaculares, como os doutra grande narradora canadiana, Margaret Atwood, que inicia unha novela cun suicidio ou unha catástrofe nuclear. Os personaxes de Munro, esas mulleres teimando en acadar unha vida propia, loitando por sacar adiante os fillos no medio da crise, enleadas nas tensións familiares, son dos que fican connosco. Lonxe dela documenta o afastamento de Fiona, afectada por alzhéimer, do seu home Grant, o seu amor. O esgazamento, a frustración de Grant, as lembranzas do vivido en común, todo o que noutras mans podía esvarar cara ao sentimentalismo barato, é en Munro un exercicio de sutileza.
Gustaríame recomendar a Munro en galego, mais de momento non é posible. Si está dispoñible en castelán e portugués, por exemplo a colección Demasiada felicidade. O relato do mesmo título é sobre unha muller pola que teño especial interese: Sofía Kovalévskaya, a grande matemática rusa e a primeira muller profesora de universidade en Europa. Sofía aprendeu matemáticas de forma autodidacta porque sentía por elas «unha intensa atracción». Quen mellor que Munro para facernos compartir esa emoción, polas matemáticas, por un amante, pola vida e polos libros.