Torneiro, o trunfo da humildade

CULTURA

09 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Galicia tiña, ten xa premios nacionais de narrativa, Alfredo Conde, Suso de Toro, Manuel Rivas; tamén de teatro, Manuel Lourenzo, Rubén Ruibal, mesmo de fotografía, Manuel Vilariño, ou ensaio, Xusto Beramendi, pero por estraño que resultara aínda non recibira ningún autor ou autora de Nós o premio nacional de poesía (por obra escrita inicialmente en galego, pois tampouco non quero esquecer á distinguida, entre nós, Julia Uceda). Iso que Galicia, tal como se adoita dicir, é terra de poetas e non tanto porque haxa moita xente que escriba poemas, que si pero que nunca son ou somos abondo, senón porque vai coa nosa maneira de ser e de estar, de comportarmos. Co noso carácter, o noso mirar. O respirar. Os bosques, o mar -sobre todo o mar-, as néboas, xa saben, xa sabedes.

Ben puidera ter recaído este galardón anteriormente en Chus Pato ou antes en Pilar Pallarés, Fernán-Vello, Cáccamo, X. Valcárcel, Seoane, a mesma Yolanda Castaño e algúns nomes máis pero vén de recibilo agora polos seus «ángulos da brasa» Manuel Álvarez Torneiro. Con todo merecemento. Non sei como pode sentilo alguén como el, humilde, sinxelo e cumpridos os 80, a mellor idade para que iso non sexa só xa vangloria, vaidade, senón pouso, alento, simplemente serena satisfacción. El resúmeo, vexo, moito mellor, cun simple «emocionado». Neste seu último poemario editado por Faktoría K na recuperada colección Tambo, Torneiro válese na súa plena madurez de dous elementos que non adoitan fallar: memoria e denuncia. El engadiulle idade e esoutra visión. E fíxoo -xa se ve- coma ninguén. E, esquecíame, mantendo unha confianza cega aínda hoxe no poder da palabra.

Van xa moitos anos Álvarez Torneiro publicárame no suplemento de Cultura deste xornal -onde traballou tantos anos- un artigo sobre o meu primeiro poemario; agora trato de apañar, seleccionar, estas poucas palabras como cunchas nunha praia, para el cunha diferenza: eu entón necesitaba desa súa recensión agarimosa; el agora non precisa deste texto para nada. Sinceros parabéns.