Sés: «Quería un disco que soase a como son eu»

Camilo Franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Juan Luis Rúa

«Co xenio destrozado» é o seu segundo disco, «máis potente, máis contundente, máis como son eu»

07 jun 2013 . Actualizado a las 18:25 h.

Santiago | Teatro Principal | Hoxe | 21 horas | 8 euros en venta anticipada, 10 euros en billeteira

A Sés pódelle o xenio e xa ten novo disco, «máis potente, máis contundente en xeral, máis como son eu». Un disco que está «máis cerca dos directos» porque, segundo explica, «non pode ser que alguén vaia a un concerto meu e leve unha sorpresa».

Co xenio destrozado é o segundo disco de Sés. Un disco que a retrata mellor que o anterior, entre outras cousas porque asumiu o rol de produtora: «Quería que soase a como eu son, para ben e para mal». Neste novo son están recollidas as influencias do blues, da música americana, da hispanoamericana e tamén da música tradicional: «É un disco máis contrastado e máis real porque está gravado old school para que todo soe máis directo, máis cru ou máis bluseiro».

Prefire o termo cantautora para explicar o que fai, porque non canta «calquera cousa. Canto o que escribo e iso é o que ten interese para min, que entendo a música como un xeito de expresarme».

Acepta que blues ou rock máis música hispanoamericana non é unha combinación usual, pero adianta as razóns biográficas: «Son as cousas que escoitaba e que escoito. A música hispanoamericana chegoume polos meus avós», explica a artista, e por esa vía tamén lle chegaron os «cantautores máis influídos polo folclore latinoamericano».

Comprometido é un termo que, como cantautora, Sés considera «moi manipulado», aínda que interpreta que as súas letras poden ser entendidas como «combativas» porque, sinala: «Estou inserida nun sistema que me desagrada e estou expresando a miña actitude contestataria con respecto a iso, pero non se trata só de rebeldía pola rebeldía».