A RAG convoca aos académicos para elixir presidente o día 20

Luís Pousa / Camilo Franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

De esquerda a dereita, Xosé Luís Regueira, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei chegando, onte, á sede da Real Academia Galega.
De esquerda a dereita, Xosé Luís Regueira, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei chegando, onte, á sede da Real Academia Galega. césar quian< / span>

O candidato Manuel González explicou onte as liñas básicas do seu programa electoral nunha xuntanza na sede da corporación

13 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A carta chegou só unhas horas antes da xuntanza convocada onte pola tarde na sede da Academia por Manuel González, que invitou a todos os académicos a un encontro no que avanzou o seu programa e no que tratou de achegar posturas entre as dúas listas.

Na xuntanza, que se prolongou ata as nove e media da noite, acompañaron a González os dous numerarios que figuran na súa candidatura, os filólogos Xosé Luís Regueira e Francisco Fernández Rei, e uns seis académicos, entre os que se contaban Euloxio Rodríguez Ruibal ou Manuel Rivas. Non asistiu ao encontro o outro candidato, Xesús Alonso Montero, e do seu grupo de afíns só figuraba Xesús Ferro Ruibal.

Fernández Rei subliñou que a reunión foi «moi positiva», aínda que reiterou a dificultade para que se produza un achegamento. Pola súa banda, Manuel Rivas sinalou que a convocatoria «tería sido unha boa ocasión para tender pontes entre as candidaturas, pero non houbo unha participación que facilitase un debate». Segundo Rivas, o encontro serviu para coñecer as propostas de Manuel González. O candidato a presidente asegurou nesa reunión que non recibira ningunha oferta formal de integración na outra candidatura e explicou que se presentara porque naquel momento non había outra lista.

Non foi polo xa célebre correo electrónico, senón polo analóxico e tradicional servizo de mensaxería. A executiva en funcións da Real Academia Galega, presidida interinamente por Xosé Luís Axeitos, remitiu onte (cos oito días regulamentarios de antelación) a convocatoria para o plenario do vindeiro sábado 20 de abril. O único punto da orde do día será a elección do novo presidente da Academia, posto ao que optarán Xesús Alonso Montero e Manuel González.