Margarita Escuredo, xa na eternidade

Antón Mascato O GROVE / LA VOZ

OBITUARIOS

Margarita Escuredo no centro da imaxe, rodeada da súa familia.
Margarita Escuredo no centro da imaxe, rodeada da súa familia. Martina Miser

Margarita Escuredo Lago faleceu en Vilagarcía aos 102 anos de idade

15 ene 2026 . Actualizado a las 21:23 h.

Hai mulleres extraordinarias, afoutas e valentes, que pasan pola vida facendo o ben, axudando a quen llo pide e sementando humanidade. É o caso de Margarita Escuredo Lago (Vigo, 1923-Vilagarcía de Arousa, 2026) que neste mes de xaneiro fixo 103 anos. Chegou ao Grove en 1933, da man de seu pai, Eugenio Escuredo Lastra (Vigo, 1889-O Grove, 1969) e de súa nai Elisa Lago Governa (Vigo, 1889-O Grove, 1989). Ambos viñeron ao Grove para iniciar unha nova actividade na que o empresario viña precedido de senllas experiencias con resultado dispar: exitoso na súa quenda á fronte da Cerámica Artística Gallega, en Pontecesures, e arruinado na súa experiencia como madeireiro en África. Non eran bós tempos, con fortes débedas acumuladas, acepta a proposta dun empresario da conserva, italiano, para facerse cargo da xestión do Fabriquín do Hospital, no Grove, en realidade un cocedeiro de bivalvos para suministro de diversas fábricas do sector.

Escuredo asociouse inicialmente co empresario local Francisco Lores, para adquirir ese Fabriquín, figurando nos documentos unicamente Lores, pola débedas de Escuredo que se encarga da produción e da comercialización do producido. A sociedade dura pouco, por desencontros entre os socios que non volveron ter relación entre eles malia a súa veciñanza en vivendas contiguas, mais que sempre mantiveron ás súas familias no respeto e a amizade mútua, tanto aos fillos e fillas dos ex socios como das respectivas mulleres Elisa Lago e María González. Tal foi o encono destes no bon relacionamento inter familiar, que as fillas Margarita Escuredo e Maruja Lores estudiarán xuntas Comercio en Pontevedra, sendo mozas, compartindo residencia e mantendo de por vida a amizade que non tiñan seus pais. Escuredo sae da sociedade como entrara, sen diñeiro nin dereitos pola falta de papeis oficiais, mais cunha intensa formación no sector da conserva de peixe e mariscos, un sector que vai coñecer un forte desenvolvemento nas décadas seguintes polas necesidades alimentares das sucesivas Guerra de España (1936-1939) e da Guerra de Europa (1939-1945).

Martina Miser

En 1935, no lugar do Porto de Meloxo, no local que lle aluga á sociedade Yáñez e Areán, funda a conserveira Escuredo Sociedade Anónima, que comezará a comercializar latas de atún co nome de Conservas Yago. Para o inicio desta empresa, Escuredo, apóiase no préstamo e aval económico do comerciante a armador Cándido Mascato Lois (O Grove, 1884- 1946) quen suxire que se encargue da administración seu fillo Ramón Mascato Domínguez (O Grove, 1916-Pontevedra, 1966) Moncho Mascato, que permanece na mesma empresa ata pouco tempo antes do seu prematuro falecemento, cando tiña apenas cincuenta anos.

Margarita, dende que ten dez anos é veciña do Grove, foi alumna de mestras locais como Mariana Solá ou Gloria Medal, ata formarse no bacharelato nas monxas Doroteas de Pontevedra, e na Escola de Comercio, en Vigo. Casa en 1947 co artista plástico Xosé Conde Corbal (Pontevedra, 1923-Vilagarcía de Arousa, 1999), co que pasa longas tempadas na súa casa familiar da Torre de Escuredo, na Carrela do Grove. Terán once fillos e fillas, os irmáns e irmás Conde Escuredo (Margarita, José Manuel, Enrique, Dolores, Eugenio, Agustín, Gonzalo, María Eugenia, Ángel, María Carmen e Ana María, séndolle intensamente dolorosa a morte prematura de dous deles, Eugenio e Ángel).

Reside a parella cabeceira da familia Conde Escuredo en diversas cidades como Ponferrada, Vigo, Ourense... polos traballos en empresas cerámicas e químicas de Pepe Conde Corbal, ata que este decide dedicarse exclusivamente a labores artísticas. Sendo Margarita a responsable de pilotar a conserveira do Porto de Meloxo unha vez que falece seu pai, un labor pioneiro como muller directora de empresa. Inicia a súa actividade nos primeiros anos da década de 1970, cadrando cunha forte crise económica, que se arrastrará ata a fin da actividade na década seguinte. Non é o momento de falar das traicións dalgún familiar e cargos medios da empresa, ao que se engade a crise do petróleo, a liberalización de aranceis ao produto producido en países do terceiro mundo e a tensión do crecemento que no sector conserveiro de países do terceiro mundo deu cabo de centos de empresas do sector, hoxe trátase só de poñer en valor que as boas prácticas laborais que mantivo entre o personal. Cando se produce a creba da empresa ela podía segregar a propiedade inmobiliaria do valor mercantil, e non o fai para que o cadro de personal poda cobrar as indemnizacións. Cando algún membro da súa familia lle pide explicacións só acerta a contestar que fixo o que lle ditaba a memoria de seu pai. Mención especial para os dirixentes sindicais que trataron á empresaria como unha traballadora mais para que puidera cobrar o seguro de desemprego correspondente. Un proceso de finiquito laboral impecable, como sen chata foi a súa xestión como empresaria adiantada ao seu tempo.

Caso aparte, doloroso ata a extenuación, foi o da vivenda familiar que coñecemos como A Torre de Escuredo, na que se criaron os seus irmáns e irmás, na que naceron algunhas das persoas da súa descendencia, onde fixo unha parte da súa obra o seu home, Conde Corbal, que pinta o mural que preside o altar da Capela de Virxe das Mareas en 1974. O abuso de poder municipal e especulativo tronza á metade a súa casa, provocando tal deterioro na cuberta e parede norte, adosada ao adefesio que se constrúe acaroado á Torre, que tivo que padecer inundacións de augas pluviais coa súa familia vivindo dentro. Sendo declarada BIC non puido, tan sequera, arranxar os desperfectos e ten que saír dela padecendo un proceso de fraudes, enganos, acusacións e faltas de respeto que tanto padecemento lle ocasionou.

Gocei da súa querencia e amizade, visiteina con frecuencia para consultarlle asuntos da vida política, social e económica do Grove, identificou para min ducias de persoas en fotos vellas, cedeume documentos da fábrica que están en Moreiras, chamoume moitas veces por teléfono para comentar cousas que lía no «Atila no Grove», organizamos exposicións da obra do seu home do que foi o principal «marchante», porque unha cousa é ser artista e outra distinta procurar recursos para alimentar tantas bocas, e ela soubo facer ese labor de darlle saída comercial á obra do Corbal, con tanta profesionalidade para tratar as obra do pintor como amor polo seu compañeiro de vida.

Foi un ser excepcional, intelixente, independente e valerosa muller de ferro vestida con roupas de seda e algodón. O mar de Meloxo está hoxe gris, mollado de pesar pola túa ausencia definitiva. Faleceu esta madrugada, con velorio en Rubiáns, Vilagarcía, e enterro mañán pola mañá, en San Mauro, Pontevedra.

P.S. Hei botar en falta a túa conversa amigable, Margarita, agora que xa entras na eternidade, desexarche unha boa viaxe, e terei saudade desa memoria privilexiada e as confidencias de tempos que xa están no vento. Dálle unha aperta ao Pepe, que andará pintando entre as nubes.