Alfredo Ramos: «Levamos dúas décadas reunindo líderes para pensar xuntos o futuro»

G. V.

MERCADOS

Camiño dos 30 anos formando parte do equipo de R, o seu director en Galicia analiza o momento que vive esta tecnolóxica. Un tempo no que a firma segue apostando por dinamizar o tecido innovador e tamén polo servizo próximo para os seus clientes. Este 5 de xuño celebran ademais unha nova edición das súas coñecidas Xornadas Tecnolóxicas

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Son ese lugar onde «compartir, aprender e anticipar as tendencias de telecomunicacións aplicadas á empresa». Tras 20 anos, as Xornadas Tecnolóxicas de R están máis asentadas ca nunca no ecosistema galego. A firma de telecomunicacións quenta motores para unha nova edición, que terá lugar o próximo 5 de xuño en Árbore da Veira, na Coruña. «Temos moita ilusión», di Alfredo Ramos, director de R e MASORANGE en Galicia.

—Que debemos destacar desta cita xa clásica?

—Este ano o foco está na ciberseguridade, porque o risco dixital non é un tema de futuro, senón de presente, e queremos provocar, coma sempre, unha reflexión útil que sirva para consolidar un sistema tecnolóxico máis forte en Galicia. Levamos xa dúas décadas reunindo líderes e expertos de empresas para pensar xuntos o futuro.

—Ter nestas xornadas como relatores ao coronel Pedro Baños e á experta en tecnoloxía Silvia Leal xa di moito da ambición deste evento...

—Si. As xornadas teñen esas dúas miradas complementarias. Pedro Baños, que nos axudará a entender unha dimensión xeopolítica do risco dixital, e Silvia Leal, que se centrará nas claves de liderar o cambio tecnolóxico desde a empresa, buscando provocar esa conversa que non sexa só técnica, senón tamén estratéxica.

—Que é o premio AleluIA?

—É un recoñecemento simbólico a persoas ou proxectos que inspiran coa súa capacidade de innovar, colaborar e transformar. Este ano recoñecemos unha historia que representa moi ben o talento dixital que queremos cultivar e dar a coñecer a través deste recoñecemento.

—Como define o momento actual de R e MASORANGE en Galicia? E en España?

—Levamos un ano xa con MASORANGE, dentro dun grupo que é líder nacional en servizos. En Galicia, R segue sendo a marca de referencia en conectividade e innovación. Por presenza, por cota de mercado, por capacidade comercial e por consideración dos nosos clientes. Co respaldo de MASORANGE, estamos nun momento de ambición tecnolóxica real. Fomos o primeiro operador en Europa en activar unha rede móbil con capacidade de xestión intelixente que se adapta de forma automática á necesidade dos servizos con intelixencia artificial, e tamén co espallamento da tecnoloxía 5G avanzada, agora con R tamén no rural. Vimos ademais de asegurar 11.000 millóns de euros en financiamento para reforzar o grupo e impulsar o futuro do mesmo. En Galicia, imos levar a rede 5G a preto de 250 concellos, que son o 80 por centro dos municipios de Galicia, que son os máis pequenos, que solo concentran ao 20 por cento da poboación. Son concellos de menos de 10.000 habitantes aos que, grazas ao programa único de redes activas, e con máis de 70 millóns de investimento, imos chegar co 5G, buscando unha cobertura en todo o territorio. É un exemplo máis de como combinamos esa visión global con tecnoloxía de vangarda e o compromiso co noso territorio. O obxectivo é que ninguén quede fora da transformación dixital.

—Vostede leva en R desde 1998. Que pensa cando mira cara atrás?

— Pois que é unha sorte e un orgullo ter formado parte do nacemento de R, dende que era un proxecto en papel ata ver todo o que desenvolvemos durante estes anos. Partimos de ser un operador local, sempre coa axilidade dunha start-up, a ser a opción preferida en Galicia, ademais dun un referente tecnolóxico. E seguimos nesas. O obxectivo sempre foi o mesmo: medrar en Galicia partindo de crer nesta comunidade, no territorio e na súa xente. A capacidade de liderar con talento e tecnoloxía co cliente sempre no centro.

—Diría que é o apego o que define a R? É algo que vai no ADN?

—Totalmente. Pegados ao territorio e aos clientes. A nosa proximidade é real e non de slogan. Tratamos de escoitar e acompañar aos nosos clientes con equipos técnicos no territorio, con capacidade de resposta e cunha rede que volve a ser referente en calidade, tamén grazas a ese forte investimento e 5G.

—Cal é o servizo diferencial que ofrecen aos seus usuarios?

—Estar preto deles en todos os sentidos. Empezando pola presenza de equipos profesionais en todas as provincias. Tamén con esa rede que chega a máis de 1,6 millóns de direccións con fibra e ata o 98% da poboación con móbil. E máis alá diso, a importancia do compromiso co local e co desenvolvemento económico das empresas.

—Tiveron sempre produtos moi innovadores...

—Fomos pioneiros en moitos ámbitos. Nesa converxencia de servizos, na que fomos pioneiros a nivel nacional, cos combos primeiro, co teléfono, internet, televisión, logo veu o móbil, o wifi clientes, o wifi gratuito na rúa e moito máis. No eido das empresas, ofrecemos servizos cloud desde o 2001, que se di pronto. Tamén as primeiras solucións de ciberseguridade para pemes, agora big data, intelixencia artificial... e todo isto hai máis dunha década. Non é cousa destes últimos anos. A clave é anticiparse escoitando o que piden e precisan os clientes sen perder o espírito inconformista.

—Cantas persoas traballan en R e MASORANGE en Galicia? E a nivel nacional?

—R en Galicia xera 1.400 empregos directos, entre persoal propio e colaboradores, que traballan ao cento por cento e cada día no noso proxecto. A nivel de grupo MASORANGE temos arredor de 4.000 profesionais. Esta cifra sobe a 50.000 a nivel nacional. O importante das cifras é o tipo de emprego, que é cualificado, estable e cada vez máis ligado aos perfís tecnolóxicos.

—Que tipo de relación teñen cos provedores locais? Traballa R en mellor o ecosistema tecnolóxico de Galicia?

—Si, de feito vimos de ser recoñecidos no Atlas Galego de Empresa Comprometida do 2024, con catro estrelas na categoría de contorna pola nosa labor no emprego local, o traballo cos provedores galegos e o impulso ao I+D+i. A relación cos provedores é intensa, colaboramos con pemes tecnolóxicas, coas universidades e con centros de investigación. De feito cremos nun modelo de valor compartido, onde medrar xuntos. Non é causalidade que sexamos membros activos do Clúster TIC Galicia ou padriños fundadores do centro tecnolóxico Gradiant.

—Como define a saúde da tecnoloxía na nosa comunidade?

—Temos vento de cola. Sen dúbida, o ecosistema galego está facendo un gran traballo. Claro que medra con forza. Hai empresas tractoras con demanda e con talento. Hai proxectos, hai colaboracións, dentro do clúster está a organizarse o primeiro plan director sectorial. Estamos no camiño. Precisamos afondar máis escala e máis conexión cos sectores produtivos e estamos presentes no ecosistema, onde queremos ser un catalizador para que todo isto avance máis rápido. Os vimbios son moi bos.