-Acelerou o confinamento a informatización da sociedade?
-Si, sen dúbida. Estaba claro que viñera para quedarse, pero o coronavirus acelerouno todo, para ben e para mal. Na universidade hai agora unha polémica pola presentación das teses online. Sae máis barato porque aforras en viaxes e dietas do profesorado, pero pérdense moitos contactos e a posibilidade de intercambiar ideas que poden xerar novas investigacións. Non toda a dixitalización é necesariamente positiva. Eu creo que unha sociedade dixitalizada gaña tempo para o ocio, pero tamén pérdense moitos postos de traballo polo camiño. Por iso todos os partidos políticos se puxeron de acordo para aprobar o salario mínimo, que ata se ten aprobado noutros países europeos por gobernos de dereitas, porque saben que é a única maneira de poder manter a xente que o sistema de dixitalización progresivo vai expulsando fóra do mercado laboral. Isto é unha enorme reforma dos medios de produción. A xente ten que comer, claro, pero é mellor gañarse o pan co traballo. Estamos na metade da revolución tecnolóxica e eu aínda non sei se é a favor das persoas ou a favor do capital. É tremendamente inquietante.
-O ano pasado déronlle o Premio Nacional de Informática.
-Si, pola transferencia de coñecemento á industria ao longo da miña carreira.
Experiencias que marcan a vida
Nieves non ten fillos. «Os meus alumnos de doutorado son os meus fillos». Recoñece que dedicou a vida ao traballo. «Eu traballo mañá, tarde e noite». Pero a carreira, a docencia e a investigación lle teñen devolto esa entrega con creces. «Son moi afortunada, teño vivido moitísimo e coñecido moitos compañeiros de viaxe nesta aventura que é a investigación». Esas viaxes a sorprenderon, por exemplo, en Chile cando foi o levantamento popular. «Facíamos bromas e diciamos que fora como un ensaio do confinamento». Ou en Bolivia cando Evo Morales entrou no Parlamento «e fun testemuña da primeira investidura dun indíxena». Moitas experiencias fermosas que agora quedan un pouco en segundo plano na vida de Nieves, porque hai só uns meses perdeu un irmá en Madrid, non polo coronavirus, pero si por non ter ido ao hospital no confinamento. «Fomos desas familias de velorios de dez persoas ao que non puidemos ir os irmás porque estabamos confinados cada un na súa casa. Foi terrible».
«As vistas da enseada do porto de Lorbé, desde a miña casa de Sada, o meu antídoto contra o estrés»