Os estudos de Ciencia Política e da Administración na USC contan cunha traxectoria de case 30 anos. Preparamos ao alumnado en competencias necesarias para a análise dos fenómenos políticos, poñendo un foco especial no estudo do comportamento político, a xestión das organizacións públicas e as relacións internacionais. Partimos da premisa da necesidade de achegar unha visión aberta, transdisciplinar e contrastada que permita aos estudantes comprender a complexidade política, social e económica contemporánea e ser quen de actuar con coñecemento, seguridade e capacidade de innovación. Para iso, o programa formativo conta cunha oferta ampla de prácticas externas na que colaboran máis dun cento de entidades de todos os sectores.
Ao redor de 30 profesionais da ciencia política, socioloxía, economía, relacións internacionais e dereito forman o equipo pedagóxico do grao e desenvolven paralelamente unha actividade investigadora que reflicte a diversidade que precisan os nosos estudos. Dende o campo do márketing e comunicación política, do comportamento electoral, do estudo das institucións políticas, da cooperación internacional, da dixitalización da acción gubernamental, dos estudos de xénero e política ou do comportamento social, entre outros, os achados da investigación desenvolvida polos nosos docentes tentamos que sexan transferidos ao alumnado e reforcen a súa formación dende un plano máis práctico.
En suma, desexamos fornecer ao alumnado cunha experiencia formativa que non se limite á asimilación de contidos formais, senón que a enriqueza xerando novas vivencias, polo que animamos permanentemente aos nosos estudantes a participar nos diversos programas de intercambio que xestionamos, sendo un dos centros máis activos da USC na oferta de programas de mobilidade internacional. Damos a benvida a quen desexe achegarse ao noso centro e coñecer de primeira man a nosa experiencia e compromiso.