A forza está na unión

Juan Cividanes DIRECTOR DO INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

MERCADOS

07 may 2017 . Actualizado a las 13:33 h.

Francia é o primeiro socio comercial de Galicia. Existen, como é lóxico e natural, unhas intensas relacións económicas e comerciais entre Galicia e Francia, que conforma a segunda economía máis potente da eurozona, só por detrás de Alemaña. Tamén constitúe a quinta economía mundial, segundo o FMI e o Banco Mundial. As eleccións presidenciais que se celebran hoxe en Francia teñen, xa que logo, unha relevancia indubidable para o futuro da Unión Europea.

Ao estar en Galicia a principal planta de produción do grupo PSA en España, o sector da automoción ten un peso fundamental tanto nas importacións como nas exportacións. Pero para Galicia son tamén moi importantes as exportacións do sector téxtil, elaborados de aluminio ou conservas de pescado, entre outros produtos.

Son preto de 800 as empresas galegas que exportaron a Francia durante os últimos anos e, o que é máis importante, preto do 60 % delas, 458 o pasado ano, son exportadoras regulares, empresas que exportaron durante os catro últimos años de xeito continuado. Hai ducias de empresas galegas, dos máis variados sectores, con implantación comercial ou produtiva en Francia. Como hai un bo número de empresas francesas implantadas en Galicia, máis alá das multinacionais de distribución por todos coñecidas e dos grandes provedores da automoción.

A forza da Unión Europea está en boa medida afianzada na libre circulación de bens, servizos e persoas. A moeda común, o euro, constitúe un instrumento eficiente desde que se puxo en circulación, vai case 18 anos, ata consolidarse como a segunda moeda máis utilizada a nivel internacional, tanto para financiamento como para investimento ou pago.

Confiamos en que a forza dos mercados xogue en favor da continuidade das relacións económicas e comerciais entre Galicia e Francia, sorteando o dano que as políticas proteccionistas poderían causar, lastrando os avances que ten acadado, durante as últimas décadas, unha Unión Europea forte e solidaria.