Xermade busca lectores para formar un club de lectura

Laura López LUGO / LA VOZ

XERMADE

Imaxe de arquivo dunha actividade na biblioteca de Xermade
Imaxe de arquivo dunha actividade na biblioteca de Xermade CEDIDA

Será interxeracional e reunirase unha vez ao mes

17 jul 2023 . Actualizado a las 11:42 h.

Xermade busca lectores para formar un club de lectura, na parroquia e no municipio. A idea xurdiu nas últimas Xornadas Interxeracionais Rurais, froito da conferencia que impartiu o bibliotecario de Xermade, Marcos Saavedra.

Para logralo, precisan constituír un grupo dun mínimo de 7 persoas que estean dispostas a reunirse aproximadamente unha vez ao mes. Será de carácter interxeracional, polo que poderán participar nenas e nenos e maiores de calquera idade. O lugar de reunión está previsto que sexa a casa-escola de Cabreiros e preténdese comezar coa actividade durante o mes de outubro, aínda que se avisará con tempo suficiente sobre as datas de reunión. En calquera caso, os participantes poderán acordar o día e a hora.

As persoas que estean interesadas en tomar parte deste club de lectura, poderán anotarse antes do 31 de xullo no teléfono 686 104 780.

Os organizadores buscan organizar «unha actividade sinxela e práctica, que poderá xirar ao redor dalgunha obra moi doada de ler, revista, visualizado dalgún programa... e que nos permita conversar, falar e, sobre todo, pasar un bo rato entre todas e todos nós».

Unha vez que estea constituído o grupo, explican que «se algunha persoa tivera dificultades para o desprazamento, miraremos a posibilidade de poñer medios para poder achegarse á actividade».