Así eran as neveiras de hai 500 anos

ANA L. CILLERO / M. C. XERMADE / LA VOZ

XERMADE

ana l. cillero

En Xermade atópase un exemplo deste «frigorífico» empregado dende o século XVI ata o XIX para conservar xeo

13 jul 2019 . Actualizado a las 21:24 h.

No século XVI pasaba por Xermade o Camiño Real da Carba, que unía a que daquela era a capital de provincia, Mondoñedo, con Ferrol. Polo tanto, este concello era unha ruta sinalada no mapa porque cadraba a medio camiño e non foi casualidade que se construíse alí unha neveira para conservar e acumular o xeo.

Segundo explica o alcalde de Xermade, Roberto García, alí antes había unha casa e ao lado «un foso de catro ou cinco metros de profundidade». Ao atoparse nunha altura de 800 metros, nevaba máis que noutros lugares e «a xente pisaba a neve para poder acumulala, e metíanlles felgos ou palla para facer bloques e que fose máis fácil de separar despois, cando fora necesario para uso dos veciños ou para levar, por exemplo, nun carro de cabalos para Ferrol para conservar o peixe», explicaba o rexedor.

A neveira en cuestión era unha planta rectangular de aproximadamente cinco metros de ancho por dez de longo, con paredes de pedra, que contaba con aquela casa ao lado para que os traballadores gardaran as ferramentas de diario. A pequena casa para gardar os útiles tamén tiña unha estrutura rectangular, de catro metros de longo por tres de ancho, aproximadamente.

O xacemento estaba esquecido na memoria de moitos, xa que data aproximadamente do século XVI e foi empregada até o XIX, antes da Revolución Industrial e da existencia dos motores.

Por isto, A Citania Restauración encargouse de redactar un proxecto para traballar sobre este ben etnográfico, xa que, como sinala o director, Israel Picón, «Casa da Neveira non é legalmente un xacemento arqueolóxico, é un ben etnográfico que conta coa protección legal pertinente no PXOM de Xermade», pois «se fora un xacemento medieval como tal non o consideraría un traballo para realizar con voluntariado».

Rusia, México, Italia e España

Na parroquia xermadesa de Lousada, na que se atopa a neveira, celébrase dende hai cinco anos un campo de traballo arqueolóxico para lograr analizar o que houbo hai séculos e onde, despois de varias edicións, os avances son «notables».

Alí atópanse durante uns quince días once rapaces voluntarios de diferentes países: Rusia, México, Italia e España, os cales están en contacto cun grupo de arqueólogos, monitores e técnicos que lles axudan. Para asistir o único requisito é ter entre dezaoito e trinta anos, pois «nesta edición non hai ninguén que estude algo relacionado con este mundo», comentaba Picón.

Os obxectivos a cumprir son dous. Por un lado, arqueolóxicos, onde os rapaces estarán retirando restos da terra que a auga da chuvia arrastrou, ademais de intentar documentar a zona suroeste da neveira. Neste senso, tamén farán unha equivalencia das diferentes capas que foron datando durante as últimas edicións para «unificar criterios». Por outro lado, a restauración corre a cargo da arqueóloga Begoña Albertos, que explicou que «o traballo de restauración e conservación céntrase en preparar as estruturas para que non sufran dun ano para outro, tendo en conta que están á intemperie». En definitiva, tentan «documentar o estado da neveira, como foi a súa vida útil e como foi tras o abandono, e a partir de aí intentar que se conserve o mellor posible», finalizaba o equipo.

Campo de traballo

«Os rapaces aprenden e van con moitas ganas; ademais, dende o Concello proporciónannos vehículos e manutención e tamén acondicionaron as pistas para chegar aquí. Cada ano isto vai a mellor, e así nolo deixan saber os rapaces», dicía Israel Picón. Para realizar este campamento contan cunha subvención que sufraga a Xunta e o Concello de Xermade.

Os rapaces traballan alí pola mañá, pero polas tardes fan outro tipo de actividades lúdicas e culturais para que coñezan a zona na que están, por exemplo a cidade de Lugo ou as Fragas do Eume, fomentando a cohesión grupal.

Pisaban a neve do inverno nun pozo escavado na montaña e conservábase o xeo ata o verán