Arboricidios en Vilalba: unha vila que foi perdendo árbores nas súas principais rúas e prazas

XOSÉ A. POMBO

VILALBA

A árbore foi plantada hai algo máis de 140 anos
A árbore foi plantada hai algo máis de 140 anos PALACIOS

A morte do olmo do vello campo da feira é un paso máis nuna longa historia

07 ago 2023 . Actualizado a las 21:12 h.

Cumpriuse unha crónica anunciada. Agora hai unha necesidade sentida. O último olmo da praza da Constitución de Vilalba foi cortado e no seu lugar quedou unha torada. Xa dende estas páxinas (La Voz de Galicia de 26 de outubro de 2020) demos noticia de que era o último olmo do antigo campo da feira e que a súa vida acabara despois de 137 anos de existencia.

Plantárase en 1883 canda outros exemplares da mesma especie e de plátanos de sombra. Todos viñeran en tren desde Monforte. A súa protección acubillou tratos de vacas e becerros, viu dar palabras que se cumpriron ou non, escoitou o balbordo dos nenos ao saír das escolas, observou a puntería dos cativos tentando pinchar as castañas dos veciños castiñeiros... E tamén foi testemuña silenciosa da transformación dun antigo campo nunha moderna praza de cemento. Hoxe, nese lugar, os máis pequenos poden xogar nun reducido acoutado que os mantén a salvo de vehículos.

Andando o tempo, aquelas árbores destinadas a facilitar negocios gardando do sol a tratantes, feirantes e curiosos, foron substituídas por outras que aportasen zume novo. Ou non, que por veces simplemente observamos como desaparecían e que xa non se cumpría a finalidade para a que se plantaran as primeiras, dar sombra. E sen necesidade de recordar o poeta Horacio nin de facer bucolismo palleirán, pero impregnados de certa vocación polo rural, chegados a este punto, parece oportuno facer memoria.

Imaxe do vello campo da feria, que deixou sitio á actual praza da Constitución
Imaxe do vello campo da feria, que deixou sitio á actual praza da Constitución FOTO CEDIDA POR EL IESCHA

Recórdense os tempos nos que a «Carretera», actual rúa da Pravia, estaba chea de acacias que sucumbiron por mor da circulación automobilística e da necesidade, precisa ou non, de lugares onde deixar o vehículo para ir facer gasto na hostalaría local mentres se lucía automóbil. Recórdese que durante 25 anos, poida que con pretensión de imitar a Mondoñedo, Vilalba tivo un cantón na que era a súa principal praza, diante da igrexa parroquial, e que, ao igual que na cidade veciña, hoxe a pedra decora o lugar.

Recórdese que as rúas ou estradas que ían e viñan de Lugo, Ferrol e Mondoñedo tiñan a posibilidade de poder pasear ou trasladarse gardándose do sol mercé a unhas abidueiras que as abeiraban e que hoxe só nun tramo da rúa Galicia uns arbustos de orixe foránea, que non tornan o sol e dubidosa estética, decoran unhas beirarrúas escasas.

Que as árbores son máis ca ornatos para lucir, para dicir que as hai ou para inauguralas nas festas. Como viandante que practica a andaina na vila, declaro a necesidade de repoñer as árbores existentes ao acabaren o ciclo vital e que se manteña equilibrio nas vías con outros obxectos para poder circular con solvencia.

Como gardador de liñaxe cativa demando protección do sol cando no estío os máis pequenos gocen de xogos e aprendan a relacionarse con outros do seu nivel, sempre baixo a custodia dos seus coidadores merecentes tamén da fresca sombra.