De cando Vilalba tivo o seu cantón

XOSÉ ANTÓN POMBO

VILALBA

ARCHIVO J.R.N.

Diante da igrexa colocáronse acacias, que daban sombra e acollían conversas despois dos oficios relixiosos

15 mar 2023 . Actualizado a las 16:48 h.

Novas vías e construcións realizadas en Vilalba a finais do século XIX e inicios do XX transformaron a fisionomía urbana. As estradas abertas cincuenta anos antes e o amplo campo da feira fixeron que o centro de atención comercial se desprazase para o que se deu en chamar ‘a carretera', unha vía que pasou por varios nomes (rúa do Progreso, Rodríguez de Viguri...) ata o actual, rúa da Pravia. Tamén nace nesta época unha preocupación polo ornato da vila.

En 1893, cando se consagra a igrexa parroquial despois de trinta anos de obras, o Concello procede a instalar grandes farois de alumeado público e plantar árbores nos lugares de ornato, é dicir, nas anchas rúas onde os días de lecer paseaban nenos, mozos e maiores para ver os veciños e para ser vistos por eles.

ARCHIVO GONZALO EIMIL

Tamén a praza da Igrexa ou de Santa María mereceu atención municipal. No lugar continuábase feireando os primeiros domingos de mes e iso ocasionaba que voces e alborotos dos tratos molestasen os oficios relixiosos. Para remediar o asunto, foron acoutados uns metros diante da igrexa e plantáronse seis árbores acacias que servisen de barreira e, tornando do sol, permitisen falas á saída da misa. O lugar era coñecido, se cadra recordando outros das capitais e con certa dose de eufemismo, coma ‘o cantón'. Quizais a coñecida atracción da Coruña sobre Vilalba tamén se deixou notar neste asunto.

En todo caso a construción non debía ser moi sólida porque a prensa vilalbesa de 1928 menciona que uns vándalos nocturnos estragaran o peche do circundo.

Descoñecemos se o lugar serviu de moito paseo ou se alí se fixeron tratos de casamentos, pero o certo é que aló por 1930 presentaba certo deterioro e as árbores non resistiron a chegada doutros progresos. Cousas de tempos idos e ideas pasadas!