Os primeiros planos foron reformados para rebaixar o custe, e houbo que cambiar materiais polo seu alto prezo
14 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Días pasados dixemos que en 1865 os veciños de Vilalba acordaran construír unha igrexa nova. Puxérase en marcha o asunto sete anos antes, cando representantes dos veciños e o cura de Vilalba, José Rubal, foran onda o bispo de Mondoñedo, Ponciano Arciniega, facendo a petición. O bispo dirixiuse ao gobernador de Lugo e por indicación do mesmo encargou o deseño ao arquitecto Felipe Bouza Tredis, da Academia de San Fernando, residente na Coruña.
Os planos chegaron en 1860 e supoñían un orzamento de 871.460 reais. Pero nin o Concello nin os veciños tiñan fondos, e como se pedían cartos ao Estado, o gobernador encargou un novo proxecto a outro arquitecto, Ángel Corín Martín. Os planos novos, presentados en 1862, abarataron os custes ata os 276.247 reais. Aínda así parecía moito, e houbo que seguir baixando ata os 197.997 ao aceptar que arcos e bóvedas fosen de masa e que o chan se lastrase de lousa e non de granito.
As obras sacáronse a concurso por dúas veces, pero non houbo poxadores. Entón tomouse a decisión de construír a igrexa por administración. En 1864 chegaron de Madrid os primeiros 50.000 reais e designouse ao daquela arquitecto provincial, Ignacio Ledo, e ao seu axudante para levantar planos definitivos de acordo co solar, labor que custou 1.000 reais. Para ter unha idea: en 1864 unha fanega de centeo custaba 42 reais; un par de capóns; 25, unha galiña, 4, e un año 20.
Encárgase das obras outro arquitecto, Rafael de Luque, da Academia de San Fernando. En abril de 1865 derrúbase a igrexa románica e nese verán xa se inician as obras da nova, pero suspéndense en outubro por falta de fondos. En 1866 o ministerio de Gracia y Justicia envía 3.000 reais. que se usan en pagar débedas. Entre marzo e setembro de
1868 continuaron as obras. Porén, en 1869 só se traballou durane os meses de outubro e de novembro.
Entre 1871 e 1872 rematouse o arco da porta e o frontón da fachada. Tamén en 1872 o encargado das obras, Francisco González Lanteiro, renunciou a continuar por mor, seica, da súa avanzada idade e o bispo substituíuno, baixo a dirección do novo arquitecto Nemesio Cobreros, polo mindoniense Santiago Santín y Pedroso. Este encontra que os materiais usados non reúnen a calidade necesaria para os arcos e que algunhas das doelas xa postas non ofrecen garantía de sostelos.
En 1872 tamén se rematan os catro arcos torais que sosteñen a cúpula. En 1873 o arquitecto Cobreros visita as obras, comunica que as feitas por poxa eran de moi mala calidade (‘poco mortero, poca cal y muchísimo abandono’) e que para seguir co edificio cumpría dar cales interiores e exteriores, construír a porta e ventás e cubrir a parte onde deberían ir as torres.
En 1879 o Estado reclama a certificación final das obras porque xa se enviaran os 200.000 reais comprometidos. En 1880 responde o párroco, Ramón Acevedo, que aínda faltan por facer obras nas bóvedas, torres, lastrado do piso, retablos e outras. O arquitecto Cobreros emitiu informe no mesmo sentido precisando necesarias 24.034 pesetas.
En 1881 o bispo, José Manuel Palacios López, envía un novo proxecto ao ministerio de Gracia y Justicia. Once anos despois, en 1892, sendo ministro Cos Gayón, concédense outras 24.733 pesetas e pídese que se saque a poxa o remate das obras. Daquela unha fanega de centeo custaba 10 pesetas; un par de capóns, 10; unha galiña 2,50, e un año, 6.
Volveu haber dificultades e conflitos por mor da cúpula, feita sen luces. Dous contratistas adxudicatarios renunciaron. Por fin, en 1892 estaban colocados 350 metros cadrados de falsos teitos, e estaban feitos os dous púlpitos de ferro coas súas escaleiras, ao igual que dous retablos, que custaran 1.000 pesetas. Para o retablo maior, moi adiantado, xa se adiantaran 2000 pesetas e meses despois, con outras 500 pesetas, tamén se rematou.
Repuxéronse 48 metros de lousado, estragados coas últimas obras das torres, torres que se coroaron con dúas cruces de pedra que custaron 35 pesetas cada unha. Tamén se adquiriu unha pía bautismal, pola que se pagaron 75 pesetas. O día 7 de agosto de 1893 o bispo comunicou ao ministerio de Gracia y Justicia que as obras estaban rematadas.
E o templo, xa se dixo, foi solemnemente inaugurado no san Ramón de 1893 sendo alcalde de Vilalba Andrés Basanta Olano, párroco Ramón Acevedo e bispo Manuel Fernández de Castro. A acta definitiva da súa recepción tivo lugar o 18 de outubro de 1894.
E as obras continuaron. Do asunto trataremos outro día.