A torre que explica a historia de Vilalba

XOSÉ ANTÓN POMBO VILALBA

VILALBA

ARCHIVO IESCHA

10 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Asombra a veciños e viaxeiros a torre da homenaxe do castelo de Vilalba. Convertida en emblemático parador, hospedados e visitantes admiran a súa robustez malia os seus 500 anos. Hoxe, despois de tanto tempo, convén mirarmos atrás e revisarmos o que sabemos dela. A primeira noticia escrita que lle fai referencia data do ano 1296, sendo dominio dos Castro de Lemos, cando un infante de Castela, Felipe, irmán de Fernando VI, foi preso por Fernando Rodríguez de Castro e pechado nela nuns momentos nos que se cuestionaba o acceso ao trono destes descendentes de Sancho IV.

Volvemos saber da fortaleza en 1364 e 1373, con Castela inmersa na fratricida guerra entre Pedro I e Enrique II. Foron anos nos que a casa de Andrade, na figura de Fernán Pérez o Boo, viu como aumentaban as súas riquezas e posesións a custa de privilexios reais conseguidos apoiando a un ou a outro conforme recibía doazóns. Así o castelo de Vilalba e a súa xurisdición cambiaron de mans: da casa dos Castro de Lemos pasou á de Andrade, axudando ao engrandecemento dun patrimonio ata ben entrado o século XVI.

 Posición estratéxica

Desde as súas orixes a importancia da vila e castelo de Vilalba veu dada pola súa estratéxica posición dominando os camiños que se xuntaban ao seu pé e que comunicaban Mondoñedo, Betanzos, As Pontes, Monfero, Baamonde, Parga e Lugo. Servía como referente central de torres secundarias como as de Castromaior, Samarugo, Vixil,... situadas ao longo destes camiños e que protexían as propias vías e as pontes de Martiñán ou Saa.

Coa posesión do castelo de Vilalba e a súa xurisdición a casa de Andrade aseguraba comunicacións vitais para as relacións económicas co bispado de Mondoñedo ao tempo que protexía a parte leste do groso das súas posesións en Pontedeume e Ferrol, incluídos os mosteiros de Monfero e Caaveiro, e as aspiracións que sempre tiveron a controlar Betanzos e A Coruña, cidades de reguengo.

En 1431, en tempos de Nuño Freire O Mao, produciuse a primeira revolta Irmandiña cando os seus vasalos, co escudeiro Roi Xordo á cabeza, atacaron con especial interese as fortalezas dos Andrade.  A de Vilalba foi atacada; pero resistiu, porque os esforzos destrutivos foron dirixidos ás de Pontedeume e Ferrol. En 1467 produciuse a segunda revolta Irmandiña, que tivo especial virulencia nas terras dos Andrade. Os sublevados estaban mandados por un fidalgo e parente da casa, Alonso de Lánzós. O titular, Fernán Pérez o Mozo, viu como se derrubaban os seus castelos e casas fortes, Vilalba entre eles.

  Reconstrución

Dous anos despois, vencidos os irmandiños, foi o fillo do Mozo, Diego de Andrade, quen proxectou e realizou a reconstrución do derruído facendo traballar aos vasalos seguindo a política dos Castro: ‘que pues los billanos las derracaran que selas abian de azer mejores’. Unha das claves polas que foron derrotados os irmandiños hai que buscala no uso da pólvora con arcabuces e culebrinas, armas que se xeneralizaban daquela. E iso fixo que os castelos se reforzasen e adaptasen ao poder da pólvora. A forma octogonal da torre de homenaxe do castelo de Vilalba, con cantería nas esquinas e trabada con morteiro de cal, resistía mellor que outras de forma cadrada os envites da artillería. Ademais foi protexida por outras torres de menor porte e todas por unha cerca con troneiras onde emprazar canóns defensivos en caso de necesidade.

Sabemos que a inicios do século XVI Fernando de Andrade aínda realizaba algunhas obras de consolidación da fortaleza e que en 1509 foille secuestrada por orde do rei Fernando o Católico, quen non se fiaba das súas lealdades.

  Nunca foi habitada

A magnífica construción, concibida para resistir asedios e servir de refuxio, nunca foi habitada polos señores e languideceu nas centurias seguintes. A Fernando de Andrade, segundo conde de Vilalba e primeiro de Andrade, sucedeuno en 1540 como titular da casa o seu neto Pedro Fernández de Castro, xa que a filla Teresa de Andrade morrera antes e fora casada con Fernando Ruíz de Castro de Lemos.

Dende esa data a casa e títulos de Andrade pasaron a formar parte do patrimonio dos Castro de Lemos. En 1777 morre sen descendencia Joaquín López de Zuñiga e Castro, quen entre outros moitos títulos ostentaba os de XIII conde de Lemos, IX de Andrade, XI de Vilalba.

Foi herdeira deles a póla familiar que daquela encabezaba Catalina Ventura Colón de Portugal y Ayala, casada que era con James Francis Fitz-James- Stuart, II duque de Berwick, II duque de Liria y Jérica. En 1802 uníronse, entre outros, os ducados de Berwick e Alba en Carlos Miguel Fitz-James Stuart y Siva e o condado de Vilalba pasou ser un título máis da casa de Berwick ou Alba.

  Presente nas guerras carlistas

Durante a primeira guerra carlista, aló por 1835, organizouse en Vilalba unha tropa isabelina que chegou a contar con cen milicianos armados. Tiñan como misión facer fronte a unha partida que actuaba polas parroquias próximas que lindaban coas de Mondoñedo e Lugo e que estaba mandada por Juan Martínez Villaverde, cóengo proscrito de Mondoñedo, máis coñecido polo cura de Freixo, e arcediago de Melide.

Púxose vixilancia nas pontes da Magdalena, e Rodríguez, ao igual que nas entradas dos Castros e Campo da Ponte.  Tamén se iniciaron reparacións na fortaleza construíndo paredes, escaleiras, baluartes e baterías, e sobre o torreón de entrada formouse unha caseta con aspilleiras para a fusilería. Ante a perspectiva de que Vilalba fose atacada por unha partida de 250 carlistas, procedeuse a pechar a muralla da vila, deixando nela troneiras e fortalecendo as entradas: praza Real, praza do Pan, rúa do Sol, rúa Real, Costa da Roxeira, ondas do Castelo e Porta de Cima, construíndo nesta rúa e na Real portas de abondo e foxos e contrafoxos ao pé do castelo e quedando así pechada a parte céntrica da vila onde se debían refuxiar os veciños en caso de perigo e aínda, polas noites, os que vivisen extramuros. Un dos episodios que se coñece desta época foi a execución de José Rego, alias Longo de Trobo, no Campo Castelo en 1836.

  Saqueo

En xullo de 1836 a compañía isabelina debeu ser retirada a Ferrol pola ameaza da expedición do carlista xeneral Miguel Gómez Damas, que ía de Santiago para Asturias. Na vila só estaban mulleres e nenos; saqueou campos e casas e continuou a marcha cara a Mondoñedo. O xefe carlista Pardo, con cento cincuenta homes armados, atacou a vila a noite do 26 de outubro, pero só se apoderou das casas extra-muros e foi rexeitado polas tropas isabelinas que xa regresaran.

Por causa das obras realizadas na fortaleza, Pedro Yáñez, apoderado do duque de Berwick, presentou queixa ante o gobernador da provincia de que a fortaleza sufrira deterioro, realizou taxación dos danos e pediu que se pagasen. Respondeu o Concello

que non había fundamento para tal, xa que as obras perfeccionaron e reedificaron o castelo, e que a corporación descoñecía o dominio e propiedade do señor duque, polo que pedía que se suspendese a reclamación, como así se acordou.

 Decadencia e venda

Pasados estes desventurados episodios, o castelo de Vilalba volveu languidecer ata finais do século XIX, cando o duque de Berwick e Alba vendeu a fortaleza a prezo de canteira. Foi daquela, seguindo tendencias da época de airear as vivendas, cando se decide un replaneamento urbanístico polo que se derruba o que quedaba das torres menores, a porta de entrada do castelo e parte das murallas e cerca da vila. Neses espazos ábrese a rúa Valeriano Valdesuso e constrúense casas nela coa pedra extraída da fortaleza.

A torre octogonal quedou como símbolo do poder dos Andrade e de recordos do pasado. Aínda que tamén esta sufriu os envites da especulación inmobiliaria cando o seu propietario quixo vendela como canteira. Foi daquela, década de 1910, cando estudosos e intelectuais galegos fixeron unha intensa campaña na prensa vilalbesa e galega en favor do mantemento do monumento como monumento da Historia que había que respectar.

Volveron pasar anos. A torre quedou sen teito e sen pisos, caeron algunhas pedras das ameas, dentro criaban as choias, unha fendedura ía de arriba a abaixo na cara sueste... A tradición popular quixo que desde o pozo do seu interior houbese un pasadizo que chegaba ao río e que se gardasen moedas de ouro baixo o xabaril esculpido.

 Restauración

A decisión de convertela en parador de turismo trouxo consigo a consolidación e restauración dun monumento que presidiu a historia de Vilalba nos últimos cincocentos anos, que axudou a situar a vila nos itinerarios turísticos e que se mantén como núcleo dos recordos do pasado.

Veciños e viaxeiros continuarán asombrándose dunha obra que permanece no tempo, como deben permanecer os recordos.