Pesados co pasado

VILALBA

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nin todo tempo pasado foi mellor, nin todo o pasado resulta valioso polo único feito de selo; pero entre a admiración paralizante e o desleixo, unha estación dun camiño que polo xeral conduce á indeferenza e ao esquecemento, debera haber un termo medio, un criterio que implicase a administradores e a administrados nunha certa protección.

Vénse de saber, por exemplo, que o xacemento arqueolóxico de Pena Grande non acabará vendido nunha poxa, o cal sen dúbida axudará a que os estudos prehistóricos nesa zona de Santaballa (Vilalba) cheguen a ofrecer máis resultados. Non podemos esperar que o Paleolítico compita, por exemplo, cun paseo á beira do mar seguido dun baño, pero si podemos supoñer que a protección do patrimonio é un asunto que interesa minimanente aos poderes públicos.

O goberno local de Vilalba ten rexeitado comprar terreos da antiga muralla medieval para musealizalos. Pode que haxa, como se ten dito, outras prioridades, aínda que non se ten amosado como obxectivo, por exemplo, algo tan sinxelo como sinalizar as portas desa muralla: abonda cunha consulta a algún libro para atopar eses lugares.

Non precisa moitas consultas o turista para atopara a praia das Catedrais, onde o interese polos grandes números case fai sentir unha certa compaixón polos que visitan ou visitarán o lugar. A poucos quilómetros, en cambio, o xacemento de Louselas -do que se pode aprender, como de Pena Grande, cunha visita ao museo de Vilalba- non suscita tanta curiosidade. Será que non dá votos?