As zocas viaxeiras paran en Sarria

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

SARRIA

cedida

O espazo de Facebook onde están as imaxes conta con máis de 5.000 seguidores e recebe miles de visitas

17 may 2018 . Actualizado a las 10:32 h.

Tres amigos de Narón, Soraya Casal, Mar Martull y Luis Carlos Velón, decidiron crear un espazo en Facebook destinado a colgar fotografías feitas por eles mesmos en distintas localidades de Galicia. Pensaron en facer algo distinto y consideraron que poñendo en cada foto unha parella de zocas sería perfecto.

A páxina chamáronlle As zocas viaxeiras e o que se iniciou como un divertimento derivou en que en poucos meses xa teñen máis de 5.000 seguidores.

«Comezamos coma unha broma e pensando en facer algo distinto ao resto da xente. Ata o nome foi unha casualidade, xa que nos pareceu divertido poñer dúas zocas nas fotos para distinguirnos. O que non contábamos era en contar con tanto seguimento con algo que para nós digamos que é un divertimento low cost co que non temos ningunha pretensión», manifestou Soraya Casal sen poder ocultar un sorriso.

Os tres autores da páxina non teñen ningunha relación profesional ca fotografía, aínda que lles gusta. «Mar e eu traballamos na sanidade e Luis Carlos e enxeñeiro, pero encántanos facer fotos», dixo Soraya Casal.

O método que seguen e moi sinxelo, captar imaxes dos pobos que visitan. «Normalmente imos a tiro fixo para retratar lugares coñecidos, pero tamén captamos moitos sitios que non coñecíamos e que nos sorprenden», explicou Soraya Casal.

A súa obra non pasou desapercibida para unha das súas seguidoras, a alcaldesa de Sarria, Pilar López, quen tras ver varias imaxes do seu Concello na páxina pensou que era boa idea preguntarlles se querían expoñer durante o verán na antiga cárcere comarcal. «O seu traballo encántame e pensei que sería unha boa idea que expuxeran a súa obra de imaxes de toda Galicia en Sarria durante os tres meses do verán. Propúxenllo e aceptaron encantados».

Pilar López considera que a mostra vai a ter unha boa acollida. «Paréceme mo orixinal e seguro que sorprende a moita xente. No noso caso supón ademais unha boa oportunidade de sacarlle partido a unhas instalacións que ían a estar sen usar durante meses e penso que é positivo para todos».

«A verdade é que nos resulta flipante que poida entrar un peregrino a ver os nosos traballos», manifestou unha ilusionada Soraya Casal.