Un século de luz eléctrica en Sarria

A.r.s SARRIA / LA VOZ

SARRIA

O próximo día 23 haberá una conferencia para commemorar os 100 anos

14 jul 2015 . Actualizado a las 11:10 h.

O 23 de xullo de 1915 os veciños de Sarria puideron disfrutar por primeira vez de luz eléctrica, e para conmemorar o centenario, a sociedade recreativa La Unión e o Seminario de Estudios Sarriaos Antonio Vázquez Saco organizan una conferencia sobre ese feito histórico que se celebrará coincidindo na mesma data do centenario. Así que o próximo día 23, ás oito da tarde, prepararon una conferencia que impartirá o cronista oficial, Xaime Félix López Arias, que é membro de dito seminario.

Foi en 1915, ano santo compostelán, cando despois de moitos anos de proxectos perdidos, a luz eléctrica chegou á vila de Sarria e a algunhas casas de aldeas da contorna. Foi considerado un pequeno avance, xa que hai que ter en conta que pasarían corenta anos para que a electricidade chegase ás 47 parroquias do medio rural, entre 1957 e 1965, rematando coa electrificación do concello de Sarria no 1982.

A primeira toma de contacto que tivo Xosé Antonio Gayoso coa produción da electricidade foi a instalación dun motor de gas pobre para xerar forza no muíño de Marzán, situado en Barbadelo e do cal era dono. Foi no ano 1913 cando Gayoso descubriu o potencial de negocio que suporía dotar á vila de Sarria e arredores dunha empresa produtora e distribuidora que lle permitise a Sarria entrar na modernidade. Sobre esta data, Sarria comezaba a dar os seus primeiros pasos na actividade industrial e comercial, apoiada no camiño do ferro e na construción da estrada de 1860, que se ía demorando.

O principal paso que seguiu Antonio foi o de poñer en marcha unha central produtora de electricidade, para a que usaba enerxía térmica co emprego de gas pobre, para o que precisaba importar carbón de coque. Outro dos pasos a seguir foi a construción dun edificio na Rúa San Lázaro (coñecida hoxe como Rúa Xosé Antonio), e dende alí levou as liñas distribuidoras da electricidade ao da Rúa da Calexa e aos barrios da vila e da contorna.

Outra empresa produtora apareceu simultaneamente, era a Eléctrica do Toleiro, dos irmáns Martínez Rodríguez, baseada na forza hidráulica do muíño do Toleiro, en Vilar de Sarria, e que fora posta en marcha en novembro de 1915.

Isto supuxo unha gran rivalidade entre as dúas produtoras, polo que a loita para a captación de mercado fixo que, por varios meses, os abonados dunha e doutra empresa se visen favorecidos pola situación e disfrutaran do consumo da electricidade sen gasto ningún.

A chegada da luz eléctrica foi todo un acontecemento e constituíu motivo de fachenda e esperanza para os veciños de Sarria e das súas proximidades. Malia isto, os problemas da produción entre as produtoras fixeron que, durante catro décadas ou máis, só contaran con luz dúas parroquias da vila e algún que outro lugar das de Requeixo, Vilar de Sarria, Farbán e Fontao.

Con este proxecto agora preténdese render homenaxe aos produtores iniciais que arriscaran os seus capitais para mellorar as condicións de Sarria naquela época na que o avance era a clave.

crónica histórica 0 23 de xullo de 1915 chegou a electricidade