NO OUTEIRO | O |
06 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.A QUE se debe isto de facer unha casa e deixala anos cos ladrillos ao aire. ¿É por unha simple cuestión de cartos ou por deixamento? ¿Acaso vai ser certo iso de que os galegos miramos máis do que temos dentro que ó de fóra? Prefiro quedar con estoutra opción: non se rematan as obras porque así evítase ter que pagar algún imposto. Como veuse informando nas últimas datas, a Dirección Xeral de Urbanismo cominou aos concellos galegos para que, á súa vez, premeran nos propietarios que nunca dan rematado as obras. Unha, porque hai que facer cumprir a normativa. Do contrario non faría falla usar o DOG . E dúas, porque cómpre eliminar ou reducir ao máximo iso que demos en chamar feísmo. Pero claro, os concellos -como nesta ocasión vén de facer o de Sarria- responden apuntando directamente ao talón de Aquiles da administración requirinte, alegando a falta de medios. E xa demos co quid da cuestión. O asunto está en saber se hai ou non vontade. Claro que, antes, en paga de empezar a casa polo tellado, coa frecha da lei por diante, habería que incidir na poboación, concienciando. Aparte do capítulo de axudas, serían boas as campañas de publicidade e información; algo que lle fixera ver á xente que esa desidia afea e estraga o entorno (o medio) e dá unha pésima imaxe de nosoutros. Para con nós mesmos e para cos que nos visiten. Co gallo disto, a nova normativa fai especial fincapé nas zonas costeiras e nos arredores do Camiño Francés. Agora ben, todos sabemos que camiños e rutas hai moitas, e, por outro lado, que o que sobran son ollos. Demasiados, a miúdo teñen que enfrontarse ao feito de que a carón dun fermoso hórreo con millo, un cruceiro ou unha igrexa románica haxa unha construción feita de novo anque cos ladrillos xa denegridos.