Polo corredor

CARLOS VÁZQUEZ

SARRIA

NO OUTEIRO | O |

10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO se bota a perder unha zona de cultivo, ha de ser por algo moi xustificado. Ás veces semella que dividir o territorio alí por onde se traza dende un despacho non produce mal algún á xente, ao gando e á vida desa zona. Sexa así se se fai unha estrada ou corredor con pretensións de convertelo nunha autovía. Si, algún día. Porque logo de darlle voltas e de tantas declaracións políticas, resulta que de Nadela a Sarria, de momento, abóndanos cun simple corredor. Segundo parece a prioridade está en acabar os dous carrís trazados xa polo anterior Goberno, lembremos que do PP. Iso si, anúnciase que agora teranse en conta todos os servizos referidos aos desmontes, pasos inferiores e taludes ou noiros que non aparecían deseñados. Sempre se dixo que as cousas a cachos nin quedan tan ben nin saen máis baratas. ¡Ah!, por certo, constrúese a nova case en paralelo á xa existente, ¿non é? Exceptuando a variante de Sarria, que xa tería que estar feita hai moitos anos, para deixar o resto do trazado nun simple corredor, poida que todo puidera ser absorbido pola C-645. Chegaría con que ao mellor lle engadiran un ou dous carrís máis para darlle maior fluidez á circulación. Queda aí, na simple conxectura. Os únicos que non perderon fol e manteñen a mesma postura ca antes son os da Plataforma Autovía Si e Agora.