Un edificio de catro séculos

Xaime López Arias SARRIA

SARRIA

Crónica | A Casa de Ulloa A falta de maior investigación, sábese que este inmoble da rúa Maior pertencía en 1753 a don Bartolomé de Ulloa. O Concello iniciou os trámites para adquirila

28 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Segundo indican novas da prensa, o Concello de Sarria incrementará o seu patrimonio inmobiliario coa compra da Casa de Ulloa, na rúa Maior, onde noutro tempo se chamaba rúa de Ferradores, e máis adiante Prada de Vista Alegre ou, popularmente, praza dos Ranchos. A falta de maior investigación sabemos que en 1753 era dono desta casa don Bartolomé de Ulloa , cabo de milicias, casado na vila, quen, moi ciumento do seu foro militar, negábase a pagar o que por desmo debía pagarlle ao cura de Santa Mariña, e sendo ameazado de excomuñón (1771) acabou arranxando contas como bon cristián e prudente veciño. Sucesor de Bartolomé foi Xosé Ulloa Cedrón , quen faleceu en 10-10-1872, e do seu matrimonio con Xosefa López Melle tivo por fillos a Xoán, Ignacia (casada con Manuel Díaz ), Plácido , Xoana (casada con Ramón Otero ) e Xosé (axudante de obras públicas). Xoán Antonio Ulloa López foi procurador dos tribunais. Naceu en 1816 e faleceu o 9-02-1887. Casou con Benita Lois Rivas, da que tivo unha única filla, chamada Concepción Ulloa Lois, que herdou os bens dos devanceiros, entre eles a Casa de Ulloa e a Horta da Cortiña, da Ponte Ribeira, onde hoxe é a traseira da finca da Casa de Florido. O outro irmán, Plácido Ulloa López , foi perito e propietario e despois dun tempo en Madrid asentou en Sarria. Falecida dona Concepción Ulloa Lois, que casara e herdara os bens do seu esposo don Camilo García Vaamonde, tanto a Casa Vaamonde, actual Casa do Concello, como a Casa de Ulloa, pasaron por herdanza á Orde da Mercede. A Casa de Ulloa foi adquirida polo cura de Barán, e deste pasou as súas sobriñas, oriundas de Loureiro (Barbadelo), chamadas María Purificación, María Paz e María Arsenia González Méndez. Parte da casa foi arrendada a Benjamín Gutiérrez Quibe , procedente de Forcarei, quen no baixo instalou tenda de ultramarinos e unha cerería. A consecuencia dun incendio da bufarda que, afortunadamente, puido ser atallado a tempo, resultaron afectadas as traves do teito. As irmáns González Méndez tiveron aberta unha mercería, Casa Arsenia, e ao faleceren sen descendencia, a casa foi herdada polos seus familiares máis achegados. Curiosidade Resulta curioso como a Casa Vaamonde e a Casa Ulloa, que na viuvez de dona Concepción estiveron baixo a súa única titularidade dominical, despois de todos eses avatares volvan estar na man dun único posuidor, neste caso o Concello de Sarria. Esta familia, os Ulloa, foi unha de tantas que despois de séculos de asentamento na vila, esmoreceron, se ben do sangue, que non do apelido, quedan referencias en liñas colaterais, como é o caso da familia Díaz Fuentes , que ten derivación dunha das fillas de Xosé Ulloa Cedrón. No século XIX a sinxela casa anterior foi derrubada e alzouse a nova Casa de Ulloa, que ten fronte a rúa Maior, un patio con acceso dende a travesa da igrexa, e un terceiro acceso por un alpendre que dá ao adro de Santa Mariña, no espazo que antigamente foi Praza do Mercado, polo que a parede exterior do alpendre ven a ser reminiscencia dos antigos taboeiros de venda, e indo aínda máis lonxe, foi parede do obradoiro dun daqueles ferreiros que, no século XVI, ocupaban, por foro dos párrocos de Santa Mariña, a parte posterior da vella igrexa románica. Como á hora de bautismar en Sarria todo o mundo oficia de padriño e de ministro, quede pois impreso e ben impreso que o que o Concello de Sarria, dentro do plano de rehabilitación e posta en valor da rúa Maior pretende comprar é a Casa de Ulloa, que este é o nome correcto da nobre edificación, pois o feito de que en réxime de alquiler un industrial cereiro ocupase moitos anos a casa, non dá motivo nin lugar para que unha das familias que máis destacou na vida social de Sarria nos séculos XVIII e XIX, e que foi a que alzou a fermosa casa, vexa agora desprazado o seu nome propio, polas veleidades ignaras a que estamos acostumados. Tomen nota e corrixan o dato. A memoria de dona Concepción Ulloa, que tamén dá nome á Asociación de Viuvas, debe estar vencellada á que foi a súa casa nadal. E que o labor de recuperación siga, porque o barrio de A Vila, gardador das mellores esencias da nosa historia, merece todo o coidado e todas as atencións. E cómpre que en posteriores artigos falemos doutras familias e casas.