Un estudoso con coñecementos da cruz de Samos

La Voz

SAMOS

10 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Adicou tamén a súa atención a famosa Cruz de Samos «conservándose un debuxo e descrición debidos ao ilustre historiador e arqueólogo A. López Ferreiro vira e estudara» segundo di o Padre Maximino Arias Cuenllas na súa obra Historia del Monasterio de San Julián de Samos, e especula que cecais a puidese ter visto en Santiago con posterioridade a súa desaparición no ano 1869. Agora, tendo coñecido o feito de que seu pai era de Calvor, antiga parroquia de xurisdición e alcaldía de Samos, só incorporada a Sarria en 1840, é máis que probable que con ocasión dalgunha visita de Ramón López Vázquez e a súa familia á casa petrucial de Pintín (entre 1860 e 1869) don Antonio López Ferreiro tivese a ocasión de ver a cruz no templo samonense, e que a estudase nos anos anteriores á perda de tan preciada xoia, o que significaría que tería visitado o mosteiro entón volto en pardiñeiro. O arquivo familiar de Pintín cecais conserve algunha proba da estancia de López Ferreiro en Sarria e Samos. O detallado da súa descrición da cruz fala de que posiblemente a tivo á vista, e iso só sería posible se fixo unha visita ao mosteiro e non é probable que se servise dalgún correspondente, e o que parece imposible e que puidese examinala unha vez roubada. Existindo unha motivación familiar que explica a súa presenza na casa petrucial e moi probable a visita ao templo, hai que inclinarse por un coñecemento directo da cruz.