Castilla y León
La participación en las elecciones a las 14 horas sube dos puntos hasta el 36,9 %

O Concello sarriao en 1908

Xaime López Arias

PORTOMARÍN

Amadeo López Macía era o alcalde de Sarria hai un século e a corporación aprobou un presuposto de 47.588,72 pesetas

24 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Corporación Municipal de Sarria en 1908 estaba formada polo alcalde, don Amadeo Macía López, e os concelleiros Modesto Rivas Viñas, Víctor Castro López, Cándido J. López, Xosé López Vaamonde, Amador Macía López, Amador López Martínez, Xoán M. Somoza García, Antonio Sánchez Teijelo, Pedro Xoán López Prado, Dimas González García, Pedro Xoán López Armesto, Xosé Vázquez Castiñeiras, Anxo Fernández López, Antonio López Díaz, Camilo González Cabarcos, Luciano Macía de la Vega e Xosé Antonio Gayoso Sánchez. Era secretario do Concello don Santiago Sarry Valcárcel. Nove deses concelleiros chegaron a ser alcaldes de Sarria. O xefe da Garda Municipal era Avelino Tourón González e Depositario Benito López Pombo. A vida municipal era pouco intensa e varias das sesións convocadas non se celebraron por non asistiren os concelleiros.

O 3 de marzo tomaron razón do falecemento de don Benigno Quiroga López e acordaron a celebración dun funeral no convento da Mercede, que tivo un custe de 271,25 pesetas. Nese mesmo mes, pola condución e vixianza do cadáver de Manuel Arias, morto violentamente na estrada de Portomarín (só chegaba hasta Mouzós) pagaron 21 pesetas. Os días 22 e 27 de maio trataron da traída de augas, a proposta de Anxo Fernández, quen propuxo formar una comisión para percura da auga. Acordaron ademais estudar a substitución do alumeado público para que se fixese con acetileno, e o arranxo da Ponte Vella do Mazadoiro, a carón da Casa de Furela.

Nomeamento

En 5 de xuño amosaron satisfacción polo feito de que o sarriao don Manuel Pérez Batallón fose elixido presidente da Diputación Provincial de Lugo. Na sesión seguinte adicáronlle atención á inmediata entrega do novo hospital, doazón da Marquesa de Casa López.

Como o Concello de Láncara iniciara a construción dunha estrada desde Carracedo en dirección a Fonteabuín, o 16 de xuño, o Concello acordou encomendar os estudos previos a Carlos Arias, de Lugo para o treito Fonteabuín-Corvelle. Ademais acordaron o arranxo do calellón de Lois.

O 15 de xullo acordaron o pagamento de 28 pesetas por gardar un cadáver que veu polo ferrocarril e polo enterro do mesmo. Víctor Castro propuxo que se lle dera nome de Rúa Marquesa Casa López ao treito da estrada de Samos comprendido entre a Matías López e a Estación. A proposta foi aprobada por unanimidade, e quedos sen efectividade, ata varios anos despois cando se lle deu ese nome o calellón de Moreno. En agosto fixéronse pagamentos por varios conceptos como arranxos na Casa do Concello, cárcere, matadoiro, palomillas do farois, compra de mobiliario e gastos de inauguración do hospital.

Presuposto

O 15 de agosto aprobaron o gasto de 400 pesetas correspondente ao proxecto do camiño Corvelle-Láncara e autorizaron a Xesús Palmeiro Fernández a construción de 13 nichos no cemiterio. En 21 de agosto fixaron o presuposto do hospital en 2.999,73 pesetas e o presuposto xeral do Concello para 1909 en 47.588,72.