Coa axuda do programa Voz Natura, os alumnos cultivan un horto escolar no que medran hortalizas e froiteiras
09 nov 2025 . Actualizado a las 14:06 h.O colexio público de educación infantil e primaria de Palas de Rei gañou o pasado curso o premio provincial do programa de educación ambiental Voz Natura. O proxecto galardoado comprendeu a construción dun galiñeiro no que viven varias galiñas doadas por familias dos alumnos. A instalación foi habilitada en decembro do pasado ano e desde entón é o centro de atención dos alumnos. «Os nenos están moi contentos e van recoller os ovos todos os días», explica a profesora Mónica Pérez Santos, encargada de coordinar estas actividades.
O importe do premio provincial de Voz Natura —dotado con 2.000 euros— investirase durante este ano lectivo en construír unha caseta para gardar os apeiros de labranza que se utilizan no horto escolar do centro. Os traballos que se levan a cabo neste espazo comezaron xa ao principio do curso. «Imos cultivando os produtos propios de cada época do ano e o primeiro que fixeron os nenos foi sementar nabos, que en xaneiro utilizaremos para un cocido de entroido», apunta a docente.
O horto escolar do colexio de Palas de Rei presenta a particularidade de que se utiliza para cultivar varias especies de froiteiras cítricas —limoeiro, limeira, mandarineira, pomelo— que non se dan normalmente neste municipio, pero si crecen neste espazo grazas a unhas condicións ambientais moi particulares. «Ao principio do curso xa puidemos recoller mandarinas porque aquí maduran un pouco antes que na área mediterránea», explica Mónica Pérez.
Tendo en conta esta peculiar circunstancia, para este curso está previsto experimentar coa plantación dun aguacate. «Como xa comprobamos que aquí poden medrar varias especies de froiteiras cítricas, cremos que o aguacate tamén poderá adaptarse ben», comenta a profesora.
Para este curso, ademais de seguir cultivando e mellorando o horto escolar, está previsto levar a cabo percorridos didácticos para que os alumnos coñezan mellor o seu medio natural. E tamén celebrar varios festexos tradicionais propios de cada época do ano. Este venres celebrouse no centro un magosto.
Voz Natura é un programa de La Voz de Galicia desenvolvido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e patrocinado pola Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés, a Fundación Ramón Areces e Inditex. Todos os centros lucenses inscritos nesta edición participan na iniciativa Naturacción, patrocinada pola Fundación Alcoa co apoio de Alcoa San Ciprián e a colaboración da Consellería de Educación.