Dar e gañar

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

O CORGO

27 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

ABenedicta déronlle o Goya, berraban as redes sociais a través de publicacións e chíos. Corrixamos a frase para darlle coherencia. Benedicta Sánchez gañou o Goya por méritos propios, nunha edición con moita calidade e cantidade. É case inaudito o pulo xerado á cultura galega na noite de onte, fronte a presidentes do goberno, ministros de cultura e o gremio máis alto do cinema español. Escoitaron a unha muller franca que, aos seus 84 anos, ten a licenza suficiente de preguntarlle ao público se xa pode volver ao seu asento. Penso ademais que non é falsa humildade, é a personalidade dunha muller forte que agroma ante o público.

A actriz de O que arde, presentouse nun escenario demoledor a recoller o premio. Cando puido escoller orquestrar un discurso gravado en papel, escrito por terceiros, preferiu dicir en voz alta e clara os valores que a definen. Dixo ben. O premio é para Galicia, para todos os galegos. Demostrou que se pode ser internacional dende O Corgo e que iso non é unha fazaña, é nada máis que un feito refutado.

Estou feliz ademais por algo. Estes días non se vai falar da roupa de Benedicta na gala. Estamos fartos de ver como as mulleres que asisten a este tipo de actos son xulgadas pola súa maneira de vestir e tan pouco loadas por chegaren a ser candidatas a uns premios que a nivel nacional son o cénit do cine. De Benedicta fálase do seu talento, non se fala das súas roupas, do seu outfit, de se levaba moita maquillaxe ou se preferiu ir coa cara lavada. Esas banalidades fican a un lado ante a sinxeleza e a honestidade da muller, da persoa.

O que arde demostrou que nos temos querer e valorar moito máis, como galegos en España e como galegos no mundo. A idade tampouco é cancela.

Esta non é a historia de un quero e non podo. É, definitivamente, a historia de un podo e fágoo.