Que vén o lobo!

Xulio Xiz

MURAS

16 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Prokófiev, con «Pedro e o lobo», puxo música á fábula tan rusa como galega, na que un rapaz gostaba berrar «Que vén o lobo!», para que os veciños collesen medo, mentres el ría a cachón. E así unha vez e outra, ata que deixaron de facerlle caso. E un día veu o lobo, el berrou con toda a súa forza, ninguén acudiu, e o lobo foi un lobo para o home.

No meu tempo de neno de aldea, o medo ao lobo era un arrepío, aínda que daquela, con gando no monte, non ousaba presentarse preto das casas. Na actual Galicia profunda (esta, si) onde o humano é a excepción, ninguén pode coutar a un lobo con fame. E ao non haber gando no monte, o único recurso que ten o animal é arriscarse a invadir terreos civilizados para alimentarse, localizándose as súas máis recentes incursións en Parga e Outeiro. Normalmente os lobos son problema en zonas máis baleiradas como Muras e Ourol, creando danos serios a gandeiros sen máis solución ca sufrir os ataques e logo conseguir ser indemnizados. En tempos, as batidas poñían as cousas no seu sitio, desde o punto de vista dos humanos, pero na actualidade os dereitos do lobo fano figurar na lista de Especies Silvestres en Réxime de Especial protección.

Isto coloca en situación límite aos gandeiros rurais, forzando a imposible convivencia dunha especie predadora co dereito dos labregos a criar en paz o seu gando. Nesto non parecen ter cabida criterios políticos e si de especialistas que aporten solucións de protección do animal en determinadas áreas, mesmo favorecendo a súa alimentación, sen que ningún humano sufra nos seus dereitos, na economía ou na súa vida pola forzada e imposible convivencia.