«Galicia non pode ser un pesebre»

La Voz

MONTERROSO

EVA OROSA LA ENTREVISTA Xosé Lois Ripalda, escritor e mestre da Ribeira Sacra As palabras de Xosé Lois Ripalda chegan arrecendendo a forno de aldea. O seu último libro, «A cultura tradicional do pan» fala «dos tempos nos que todo era traballo físico». Fala do pasado, pero «sen nostalxia» e co espírito reivindicativo de quen bota en falta «unha industria do cereal na Galicia de hoxe». O único misterio do pan tradicional é que está feito «de fariña de gran e non de óso como a maioría agora».

27 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

O traballo de Ripalda constitúe todo un manual de aprendizaxe do que era o cultivo do cereal e a elaboración do pan en Monterroso e na parroquia de Erbedeiro, na Ribeira Sacra. -¿Está esquecido o xeito tradicional de facer o pan? -Temos que recordar o pasado, pero sen nostalxia. A industria do cereal tería que ter evolucionado en Galicia igual que o fixo en Cataluña. No século XIX era a primeira industria galega, pero non seguiu medrando. -¿Onde estivo o problema? -A economía galega sempre foi de subsistencia e pecou moito de individualismo. Ademáis, non estaba preparada para adaptarse ás novas tecnoloxías. -¿As feiras gastronómicas non axudan a promocionar estes productos? -Ese tipo de festas quedan na simple anécdota, no inmobilismo. Non conseguen nada. O que non pode ser é que Galicia sexa só un pesebre. Ten que evolucionar como están facendo o resto das comunidades españolas. -¿De que «peca» o pan que comemos hoxe? -O seu maior pecado está na fariña, que non é de grao. Cando un pasa a carón dunha panadería, non cheira a nada. Antes arrecendían a pan recén feito. -¿Que nos dan entón cando pedimos pan artesano? -A xente fai cola nas panaderías da cidade que poñen na porta «pan feito en forno de leña». Pero é mentira. A única diferencia entre o pan artesán e o outro é que o artesán ten un porcentaxe maior de fariña de verdade. Se se pensa ben resulta demencial que sexa así.