Todo fume

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

LUGO CIUDAD

20 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

que comete unha infracción nos Estados Unidos sabe que está apañado, porque vai ter que pagar polos feitos. A presenza policial permanente nos lugares públicos e o áxil sistema penal forman parte da estratexia de prevención. Funciona.

O noso sistema é xusto o contrario, e case ven sendo un aliado dos infractores. Supostos universitarios botaron abaixo ao San Vicente da Praza do Campo de Lugo e non pasou nada. Nin se atoparon culpables nin se buscaron, mesmo habendo vídeos publicados nas redes sociais.

Tivemos que pagar case 40.000 euros por limpar varias pintadas na catedral de Santiago e na colexiata da Coruña e non hai a quen reclamarllos, porque nunca coñeceremos aos autores. Levamos dous anos dando visibilidade á romaría do monte de Santa Trega, con fotos suficientes da xente maltratando o xacemento, e seguirase facendo.

Integrantes dun botellón estragan unha fermosa escultura de Vigo e o alcalde quítalle ferro ao asunto. Caso pechado.

Trasladaron 75 quilómetros un pazo completo, conseguindo catalogalo nos dous concellos, e ningún dos dous soubo do traslado, supostamente; patrimonio abriu expediente, pero non se pechará.

Todos saen airosos e impunes dos feitos cometidos. Ás autoridades, nin aparecen nin se lles espera, porque quitáronlle autoridade. Esa é a mensaxe que se transmite, é o exemplo que damos á mocidade e aos máis pequenos.

Tal vez teñamos que copiar o modelo dos axentes de tráfico que, dotados de autoridade e presunción de veracidade, agóchanse tralas pontes para pillarnos no allo e meternos un paquete. Funciona.