As feiras serviron de trampolín á olería de Samos para saltar fronteiras

lAURA lÓPEZ LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

CEDIDA

A exposición que abre mañá no Museo Provincial repasa a historia e a importancia desta industria alfareira que desapareceu a mediados dos 50

10 ago 2014 . Actualizado a las 06:55 h.

As feiras foron á olería de Samos o que hoxe en día son as redes sociais para calquera outra industria, un trampolín para saltar fronteiras. A exposición que se inaugura mañá no Museo Provincial analiza a historia, a evolución e a importancia que tivo esta industria alfareira entre o século XVIII e os anos 50 do XX, cando desapareceu. Está comisariada por Hixinio Flores e Orlando Viveiro e coordinada por Aurelia Balseiro. Con esta mostra dáse conta da relevancia de tres mercados da contorna de Samos para o oficio dos cacharreiros.

O primeiro sería a feira da Esfarrapa, na parroquia de Santiago de Cedrón (Láncara), o 11 de cada mes, segundo se relata na exposición. A súa situación coincide co trazado do Camiño Real que desde Triacastela pasaba polo Furco da Meda e despois de cruzar A Esfarrapa baixaba por Galegos, a Ponte de Carracedo e Lugo. Parece que acudían feirantes de toda a contorna que colocaban as mercancías á vista dos asistentes nos pendellos que construíron os veciños de Cedrón. Polo uso pagaban un aluguer.

Explican desde a organización da mostra que na feira se expoñían moitas xugadas de bois, o que lle deu unha notoriedade que chegou mesmo ao Bierzo, desde onde acudían compradores para buscar este gando. Tamén había moitos ferreiros, tratantes en queixos do Cebreiro, quincalleiros, gando menor, cacharros de barro elaborados por cacharreiros de Samos e postos para facer e servir xantares. Na entrada había unha pequena construción para cobrar os impostos. A feira trasladouse nos anos corenta a Río, logo a Saa e finalmente desapareceu.

Outro mercado importante para a olería samonense foi o de Castroncán (Samos), o 4 de cada mes. Xa tiña sona a mediados do XIX, polo gando vacún, porcino, de la e cabalar, pero tamén había ferreiros, quincalleiros, tendeiros, zoqueiros, casas de comidas, polbo, pan, roscas, melindres e uvas. Puntualmente acudían os mestres cacharreiros de Samos -que vendían olas de barro- e desde Castroncán as súas pezas chegaban a parte da Veiga de Sarria, O Val do Mao e outras zonas do Incio.

Pezas ao lombo dunha besta

A terceira das feiras era o 17 de cada mes na Campa da Choza, na Ponte, no val de Lóuzara, nun paso estratéxico que comunicaba as zonas de Samos, O Cebreiro, O Incio e O Courel. Segundo diversos investigadores, había viño da Pobra do Brollón, chocolate de Monforte, segadoras e muíños eléctricos, zapatos de pel do Incio... Ata alí viaxaban tamén artesáns de Samos, como o cacharreiro de Roxofrei, que preparaba varias fornadas para levar a Lóuzara, de onde tardaba en volver varios días, segundo relatan os veciños. Tamén o cacharreiro de Romelle cocía fornadas de cacharros para transportalas logo ata a feira ao lombo dunha besta.

Os organizadores da exposición conclúen así que «as pezas elaboradas nos obradoiros destes oleiros foron quen de satisfacer unha importante demanda que fora xurdindo ao longo das comarcas descritas e foi nestas feiras, e con probabilidade nalgunhas outras, onde se efectuaron gran parte das transaccións, ben mercando directamente as formas expostas na propia data da feira en cuestión, ou ben por medio de encomenda e posterior entrega noutra seguinte».