Fai un ano poñíase en marcha un programa de compostaxe doméstico no que participaron 200 fogares dos concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Trabada e Lourenzá.
Un estudio da Universidade de Santiago vén de certificar que o abono fabricado cos refugallos orgánicos producidos polos veciños ten unha excelente calidade, «algo que esperábamos», ratifica o alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez. O fertilizante natural enriquece o solo á vez que minimiza os gastos de xestión de residuos tradicionais.
Dende o primeiro momento, os concellos implicáronse na experiencia e os responsables de medio ambiente convertéronse en auténticos expertos na materia despois de recibir a formación axeitada. «As primeiras dúbidas ían encamiñadas a como frear o aumento de insectos na zona do composteiro ou como eliminar os malos olores que se producen cando se comete algún erro», revela o alcalde. Villares asegura que estes pequenos inconvenientes foron solucionados con rapidez polas familias.
Doce meses despois, a comarca de Gúdar-Javalambre, situada no sur de Teruel, interesouse no proxecto desenvolvido en Galicia. Por iso, xa se teñen posto en contacto con Sogama, propulsora da iniciativa, conscientes da similitude de ambos territorios e dos interesantes resultados.