A pasada semana, un aviso urxente do Concello prohibía beber a auga da traída, contaminada por un verquido de gasoil dunha vivenda particular que accidentalmente chegou ó Miño. O feito fíxome lembrar que debo levar vinte anos sen probar a auga «do grifo» por falta de confianza na súa cualidade, sen un argumento de peso máis ca a pura inercia. E eso que teño moi presente aquel xesto do entón concelleiro de augas Jesús López Rábade ó final dos noventa, nun programa en directo na primeira Televisión Lugo, que bebeu un vaso de auga para demostrar a bondade da subministrada polo Servizo municipal de augas.
No Concello din que no primeiro trimestre do próximo ano a auga lucense será da maior calidade, unha vez rematadas as obras que se veñen realizando, con nova depuradora, potabilizadora, prometéndosenos que Lugo vai ser pioneira no tratamento e reutilización da auga. E no Consistorio veñen de brindar con auga da traída sen que se saiba que houbese mala novidade a raiz deste brinde. Moitos lucenses poderemos aforrar cantidades importantes de diñeiro en canto esteamos convencidos de que maiores e nenos podemos beber con tranquilidade ese líquido imprescindible para a vida, ó que temos renunciado hai tempo por precaución vital.
A nova auga, se tan boa vai ser, virá como «auga de maio» para unha cidade que por ter un río ó lado coidaba non precisar moitos esforzos para conseguir auga de calidade e que, por frustración, ten renunciado a ela como auga que non ha beber. Confiemos na nova auga, aplicando o dito: «Se é ási como vostede di, se vostede di como é, como vostede di así é».