Entrevista | Arsenio Galego Méndez Cunha misa solemne na igrexa de Ventosa celebraranse o 19 de agosto as Vodas Sacerdotais de Ouro do párroco Arsenio Galego Méndez. Cincoenta anos de laboura relixiosa e social
20 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Leva máis de trinta anos, 34 para ser exactos, coa súa laboura relixiosa, pastoral e social nas parroquias agolenses de Vilariño e Esperante; e dez anos atendendo as parroquias de Ventosa e Gurgueiro. O vindeiro 19 de agosto, en Ventosa, celebrará as súas Vodas Sacerdotais de Ouro. -¿Por que escolleu Ventosa para celebrar ese acto tan importante? -É unha parroquia grande e a igrexa de Ventosa é a mellor acondicionada, aínda que todas nas que oficio misa están perfectamente restauradas, pero esta é románica de finais do século XII e na mesma investíronse 180.000 euros. Posúe baldaquinos do 1525 con catro frisos, que representan esceas do antigo e do novo testamento, e non menos importante é o mausoleo do Abad de Ventosa. Por todo iso, e polo fermoso entorno que existe alí, escollín celebrar estas vodas nesa parroquia. -¿Quenes o acompañarán na celebración da eucaristía do 19 de agosto? -Está prevista a asistencia de compañeiros de carreira, do curso do 1945, e curas tamén das parroquias de Rodeiro e de Agolada. Ía presidir a misa solemne o obispo de Lugo pero por motivos de saúde non será posible, polo que a presidirei eu mesmo. Estará cantada polo coro parroquial e tamén intervirán representantes de todas as parroquias nas que estiven ate agora. Virán de Pedrafita do Cebreiro, Monterroso, Sirgal, Vilariño, Esperante, Ventosa, Gurgueiro e San Pedro. A cerimonia rematará, despois dunhas verbas de agradecemento aos asistentes por parte do párroco, cunha comida no campo da festa de Ventosa á que se prevé asistan máis de 400 persoas. -¿Que cambios experimentaron as súas parroquias neste medio século? -Moitos. Os mozos de agora non se dan conta das comodidades que teñen, e espiritualmente existe un pouco de baleiro. Trinta anos atrás había serias dificultades para entrar nas parroquias ao non haber pistas, e de asfalto nada. Hoxe contamos con teléfonos en todas as parroquias, e nas casas, e mesmo con móbiles co que te poden localizar para calquera eventualidade... Ben que cambiou todo... -¿Que supoñen estas vodas de ouro para vostede? -É unha sorte e unha ilusión moi grande chegar a esta meta que me propuxera, coa axuda de Deus. Desexo compartir ese día coa familia, cos feligreses e cos amigos.