Eses letreiros

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO CIUDAD

NO OUTEIRO | O |

15 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

MENTRES CHEGAN e non chegan, atrasan ou van a ralentí os investimentos prometidos para Galicia e concretamente para Lugo, o outro día vin tirados pola estrada carteis deses que anuncian o Plan Galicia. Por carteis que non sexa. É unha magoa que ditos letreiros sementados no seu día por dous gobernos en apuros non viñesen tamén co peto cheo detrás. Mirando eses enormes cartelóns -porque grandes son dabondo. ¡E como afean!-, asaltoume unha dúbida. ¿Será significativo velos no chan? Seguro que si, se temos en conta o seguimento que fai este xornal dos orzamentos máis prometidos que consignados. Se entón máis dun proxecto viña en cueiros, nos carballos que van quedando espidos danse evidencias de que había e hai proxectos que teñen moito nome pero cartos..., poucos. Mirémolo así, temos ao neno do progreso real de Galicia en cueiros e aínda sen «coche-tren» para que corra e aprenda a andar. Que caian algúns carteis non é estraño, pero a este paso acabarán caendo todos antes que se faga o que por boca grande prometían.