«Non teño nada claro ónde empeza a fantasía e ónde remata a realidade»

Xesús Fraga
XESÚS FRAGA A CORUÑA

LUGO CIUDAD

XURXO LOBATO

Paco Martín, escritor Ramón Lamote. De profesión, ensinante de chairego e debuxante de soños. E protagonista absoluto dun libro de contos, por virtude do bo quefacer de Paco Martín. Ramón Lamote. Un home cheo de imaxinación e fantasía, dúas cualidades que o escritor lugués cre imprescindibles nesta vida, e que cómpre potenciar. Como el di, fantasía e realidade non son como o branco e o negro, e moitas veces, onde menos o agarda un, alí está a maxia do inesperado. E o pequeno, o miúdo, non ten por qué ser unha traba.

20 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

De Ramón Lamote di Paco Martín no breve limiar que precede ós contos do libro que as poboacións cativas «teñen sempre alguén que vén se-la representación viva das rúas, xardíns e edificios, alguén que encarna a alma de pedra e cemento que as conforma». ¿E a quen representa Lamote? Paco Martín, que acaba de chegar de botar unha partida ó mus, explícase: «Ramón Lamote é unha representación de Lugo, pero, por razóns obvias, non quere ser estrictamente lugués. Probablemente, é un intento de universalizar, e rebater eso que hai uns anos consideraba as cousas das vilas e cidades pequenas como de segunda categoría».

-E vostede cre que no local está o universal? 

-E que era unha época na que só interesaban as cousas que ían con maiúsculas, a min interésanme máis as minúsculas.

-En todo caso, Ramón Lamote ten moito de fantasía.

-Non teño claro ónde empeza a fantasía e ónde remata a realidade, non o teño moi claro. Todos temos fantasía, porque é unha parte nosa e moi importante. É consubstancial ó home, somos así. Pero vivimos nunha época na que se fai todo canto se pode por parte dos estamentos políticos e culturais para ir contra a imaxinación.

-Neste libro, cando se le un capítulo no que aparece un «entomodelfo», pódese pensar que é totalmente imaxinario. Pero despois aparece. Semella que da realidade á fantasía non hai moita distancia. 

-Non tanto da realidade á fantasía como do imaxinado do real. ¿Por que non pode existir algo imaxinado se estamos convencidos de que si?

-Pero o que debe explicar é como é eso de que Ramón Lamote dea clases de chairego. 

-Unha vez chamáronme dunha editorial de Nova York. Polo visto tiñan a versión en español do libro. Aseguráronme que tiñan un excelente departamento de español, cheo de diccionarios, pero non sabían que era eso do chairego. E eu ó teléfono non sei se llo puiden explicar moi ben á aquela señora. Pero todo o mundo que leu o libro noutras linguas aceptouno ben. Nunca ninguén dixo nada. E na Terra Chá están encantados.

-E como o traduciron os de Nova York? 

-Pois non o sei, porque quedaron de enviarme un libro e aínda non o vin.

-Nun dos contos deixa que sexan os lectores os que imaxinen os titulares dun xornal. Foi pioneiro desa palabra agora tan de moda, o interactivo. 

-Eso é un intento de demostración de respecto polo lector. Eu teño o convencemento de que unha vez que o escritor remata un libro xa non lle pertence. É normal que sexa o lector o que imaxine, o que poña os titulares, o que resolva un problema matemático. Xa hai ben cousas que deciden por nós.

-Poucas cousas son máis estimulantes que un libro. 

-Estimulante é polo menos o que debería ser e hai que pretender que sexa: que o lector participe de todo o que aí pasa. Ten que ser un medio para que esperte a imaxinación, que chame a vivir, a pasalo ben.