A barba branca

LÁNCARA

ESTES DÍAS, por unha desas casualidades da vida que ás veces se converten nos mellores regalos, tiven a sorte de manter non unha, senón varias longas conversas co profesor Basilio Losada. Co catedrático da Universidade de Barcelona, unha das grandes figuras vivas da cultura galega, do que o seu amigo Casares dicía, como vostedes non ignoran, que era un dos mellores contadores de historias que el coñecera nunca. Unha afirmación que, vindo de quen a fixo, e supoño que niso coincidirán comigo, non pode ser obviada. E que o mesmo Basilio, sen necesidade de alzar a voz xamais, falando sempre como quen desvela un segredo ao pé dunha cociña de ferro que leva acesa mil anos, confirma, sen pretendelo, cada vez que se pon a tecer cos seus recordos un tapiz das marabillas no que, máis alá de calquera anécdota ?tenlle pasado de todo, desde que o confundisen cun secuestrador de avións ata que para rematar unha conferencia lle pedisen que cantase algo?, brilla o seu fondo amor pola humanidade. Un, que tan dado é a emocionarse, emociónase sempre cando sente a Basilio. Pero non tanto ao sentirlle falar do que algún gañador do Nobel esconde no corazón, como cando lembra aos seus e fala daquela infancia na que, antes de chegar a dura posguerra do frío e da fame, viu a Noso Señor un día de inverno, nas Terras de Láncara, entrar pola porta, vello camiñante de longa barba branca, para rezar un Avemaría por todos os defuntos da casa.