Gastronomía e oficios tradicionais en Guntín

GUNTÍN

O domingo 13 celebrarase a XII Feira de Artesanía de Pallares

01 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Domingo 13 • Desde as 9.00 horas • Recinto feiral de Guntín •

A XII Feira de Artesanía de Pallares celebrarase o domingo 13 no recinto feiral de Guntín. Trátase dunha cita que promove os produtos autóctonos e os oficios artesanais. A programación foi presentada onte na Deputación de Lugo, a cargo da deputada de Cultura, Pilar García Porto; o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro, Carlos Vázquez; e a tenente de alcalde de Guntín, María José Gómez Rodríguez.

A feira comezará ás 9.00 horas coa instalación dos postos, nos que, durante toda a xornada de mañá, acollerán demostracións en vivo de oficios tradicionais como cestería, tear, olería, taller de pedra e madeira, traballo de coiro, forxa, apicultura e cetrería.

A partir das 13.00, os visitantes terán a oportunidade de degustar filloas elaboradas durante toda a mañá por tres filloeiras de Muimenta. De seguido, terá lugar o pregón oficial. Para rematar, celebrarase un xantar de confraternidade, que custará 22 euros para os socios desta asociación, e de 24 para as que non estean asociadas, reducíndose ata os 13 euros no caso dos cativos de menos de 11 anos. O menú estará composto por polbo con cachelos, churrasco mixto con patacas fritidas e ensalada; torta de Santiago, viño, café e licores. Pódense retirar as tarxetas na Casa Fidalgo, Bar Stop ou Casa Maestro de Matei, antes do día 9.