«En Pardiñas é cando confeso a máis xente»

maría m. guntín / m. c. LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

Suso

O cura, que xa é fillo adoptivo de Guitiriz, fai unha reflexión sobre relixión, tradición, o estado no que se atopa o rural e os inicios do festival, nos anos 80

03 ago 2018 . Actualizado a las 12:53 h.

Alfonso Blanco Torrado é fillo adoptivo de Guitiriz dende hai pouco máis dunha semana. Natural de Ponteceso, vive en Guitiriz dende 1976. Agora mesmo ten seis parroquias e, aínda que está pasando por algúns problemas de saúde, non deixa de lado o Festival de Pardiñas. Tampouco esquece nin desaparece da Asociación Cultural Xermolos, que lle dá nome á biblioteca pública de Guitiriz. A súa relación coa mocidade queda ben clara ao escoitar as máis de sete chamadas que recibe en apenas unha hora.

A trixésimo novena edición do Festival de Pardiñas, considerada festa de interese turístico galego, comeza mañá ás 20.30 horas co VI Certame de Cantos de Taberna polos bares de Guitiriz, coa colaboración dos seus hostaleiros. Seguidamente, unha fin de semana de festa que inclúe mostras de instrumentos de música tradicional, artesanía, a tradicional carreira popular e unha chea de concertos nos que participarán grupos galegos, portugueses, mexicanos e irlandeses. O pregón irá da man de Carlos Meixide.

-Fillo adoptivo de Guitiriz dende fai unha semana, como se sente?

-Vivo aquí dende 1976 e xa é coma se nacese en Guitiriz. Para min é un recoñecemento que acepto e asumo como algo compartido. As persoas non somos ninguén sen aquelas que nos dan alento. Isto compártoo con todas as mulleres e homes de Guitiriz. Todo o que fixen, débollo.

-Pola creación da Biblioteca Pública Xermolos, nunha época difícil para os libros, merece moitos recoñecementos.

-Xermolos comezou coma unha biblioteca que primeiro estivo na Casa do Concello e agora nun local cedido por Caixa Galicia. O centro divídese na Casa das Palabras e na biblioteca en si. Na casa hai textos inéditos de Manuel María, un gran valedor de Xermolos e do Festival de Pardiñas. A obra do gran Díaz Castro tamén é nosa, xa que nos deixou manuscritos e obxectos persoais. Todo o ano facemos actividades para que o poeta de Guitiriz sexa máis recoñecido. Na biblioteca temos máis de 20.000 exemplares. Botamos de menos que a xente perda a afección á lectura. Para nós é unha teima. Pensamos que ollar un libro, acaricialo e aprecialo produce sensacións e emocións.

-Ata teñen unha editorial.

-Si, editamos libros de poesía e ensaio da xente chairega. Na Casa das Palabras tamén se presentan libros. O último foi unha novela xuvenil que versa sobre Pardiñas, escrita por Carlos Meixide, pregoeiro no festival este ano.

-Que descoñecemos de Pardiñas, a día de hoxe?

-Os comezos. Foron nos anos 80, pero xa levabamos dous dándolle voltas. Algúns dicían que ía ser a flor dun día e había o medo de non ter continuidade. Chegou un momento no que nos decidimos a facelo. Sempre mantivemos a actividade e queriamos que se tivese en conta á mocidade, algo que non se facía. Loitamos para que a xuventude formase parte das festas e actividades dos lugares. Naceu como unha asociación xuvenil cando aínda había algo de censura, polo que custou que se recoñecese.

-A casa de Díaz Castro, que deixou a Xermolos, é moi especial para vostede.

-Por suposto. Queremos convertela na Casa da Xente, un espazo de encontro para os veciños e para demostrar que o poeta sigue vivo. É difícil conseguir fondos para reformala porque está en mal estado.

-Vostede tamén é sacerdote.

-Así é. Son un cura do rural e levo seis parroquias. A relixión ten que ser unha actitude de respecto ante a vida. É ser xeneroso e axudar aos demais. Tampouco podemos esquecer a natureza. Moitas veces dende a Igrexa somos contraditorios e toldamos o verdadeiro rostro de Xesús. É máis, é en Pardiñas cando confeso a máis xente. O festival é unha festa da xuventude, dormen en tendas de campaña todos xuntos e gózano moito. Se algún non pode ir a Pardiñas porque está de loito, tras algún falecemento, dorme nunha tenda na horta, lembrándose dos seus compañeiros.

-Como reivindican a vida tradicional e rural?

-Con actividades como as olimpíadas populares, que faremos en setembro. É unha reivindicación dos xogos tradicionais. Participarán grupos de todo o país e haberá mostras de billarda. Por outra banda, estamos moi preocupados pola morte das aldeas. Hai varias casas pechadas e é necesario lembrar que as nosas cidades teñen vida grazas ás zonas rurais. Está en xogo o futuro de Galicia.

-Como funciona Xermolos?

-A través do voluntariado. Eu enténdome moi ben coa mocidade. Nas actividades poden traballar, ao longo do ano, unhas 200 persoas. Se isto fose iniciativa miña sería un réxime presidencialista e perderiamos a enerxía comunal. Valoramos as ideas e inquedanzas da xuventude.

-Sufriu un envelenamento hai uns anos, que ocorreu?

-Colaboro con Proxecto Home. Neses momentos a persoa á que axudaba quería consumir e botoume tranquilizantes no caldo ou no leite. Pasouse de dose e quedei inconsciente. Fun para a UCI, pero perdoeino porque non quería facerme dano, só quería cumprir un obxectivo.