O Cortegada anuncia base e coñece os seus rivais de Liga

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FRIOL

cedida

Faise cos servizos da cobizada Sara Corredoira

06 jul 2022 . Actualizado a las 21:26 h.

O Mariscos Antón Cortegada anunciou o mércores o seu terceiro reforzo de cara a vindeira temporada. Sara Corredoira López (Friol, 4 de abril do 2000), base do máis cobizada no mercado da LF2, pero tamén da Liga Challenge, chega procedente do recén descendido Rosalía de Santiago, o mesmo no que o Cortegada pescara a aleiro Carla García, anunciada só un día antes.

O adestrador vilagarcián, Javi Nogueira, non agocha que Sara Corredoira era un particular obxecto de desexo: «La quisimos fichar el año pasado, pero no hubo manera. Este año tenía un mogollón de ofertas. Hablamos con su representante nada más acabar la última Liga, pero nos dijo que no. Estudia Medicina y pensaba jugar en Canarias, pero el equipo en el que lo iba a hacer en Challenge finalmente va a salir en Liga Femenina y ya no tenía cabida».

Pero por que tanto interese de Nogueira por Corredoira? O técnico resposta: «Salvando las distancias, la veo como el relevo de Sara en el uno. Es una buena directora de juego, puede alternar en el dos y compaginar en cancha con Sara». Ademais, e tras un primeiro ano sénior no que pagou a lentitude en recuperarse dunha forte escordadura de nocello, xogando tan só 16 partidos, a nova base do Cortegada deu un estirón na última campaña, na que promediou 10,3 puntos, 4,9 rebotes, 1,7 asistencias, 2,5 balóns recuperados, 4 faltas recibidas e 9,6 de valoración.

A actualidade do Mariscos Antón Cortegada pasou este mércores tamén por Madrid. A Federación Española de Baloncesto deu a coñecer a composición dos dous grupos de 14 equipos da Liga Femenina 2 para a vindeira temporada. E, tal e como temían no club vilagarcián, tocará volver tirar de avión para viaxar, de novo, dúas veces a Canarias ao ter que xogar contra o Magec Tías e o CB Aridane. Tamén no sur haberá que viaxar en catro ocasións a Andalucía —Unicaja Málaga, Gardenstore Sevilla, Raca Granada e CB Almería—. Miralvalle (Plasencia), BF León, Tirso Centro (Cantabria), Barakaldo e Unibásket Logroño, novo nome do Campus Promete, que tras quedar décimo, optou por baixar desde a Liga Femenina por problemas económicos, completan a nómina de rivais fóra dunha Galicia na que o Cortegada só volverá medirse ao Maristas Coruña e CB Arxil.