Ismael Jul Penín, veciño de Pacio (Friol), deixou o traballo que tiña para incorporarse á explotación gandeira familiar
02 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Ismael Jul Penín, veciño da parroquia de Pacio (Friol), decidiu deixar o traballo nunha empresa da Coruña, que lle supoñía viaxes de ida e volta todos os días, e incorporarse á explotación familiar. «Tiña xa o negocio na casa», di. O 1 de xaneiro do ano pasado foi a data da súa alta. A explotación, dedicada á produción leiteira, ten 55 cabezas e unha medida de recollida diaria duns mil litros.
-¿Paga a pena unha decisión como a que tomou?
-Para min, si. Máis ca nada, fago o que me gusta.
-¿Son máis duras as condicións de vida de agora ca as que tiña antes?
-Non. Para nada.
-¿Ten tanto tempo libre como antes?
-De distinta maneira, pero si. Non tes días seguidos, pero tes horas: é de distinta maneira.
-¿Foi difícil dar o paso?
-Antes as miñas vacacións eran para traballar aquí. Nese sentido, non foi difícil. En papeleo e xestións, si foi complicado.
-¿Son as xestións burocráticas un problema?
-Póñencho máis complicado. É moito papeleo. Ás veces, nin eles saben o que hai que facer.
-¿Animaría a outros a tomar a mesma decisión?
-Se lles gusta, si, sen lugar a dúbidas. En certa maneira, es o teu xefe: dependes da empresa que che compra o leite: non poño prezo e teño que aterme ao que me din.
-¿Cre, entón, que hai futuro no campo?
-Espero que si. Se decidín quedar, é porque creo que o hai. España é un país deficitario en produción de leite. Temos que conseguir que iso non pase. En algo no que hai demanda, sempre pode haber futuro.