Trala pista do desaparecido mosteiro medieval de San Salvador de Cancelada en Cervantes

ramón Gutiérrez / ignacio Cabarcos / fernanda follana CERVANTES

CERVANTES

ALBERTO LÓPEZ

As investigacións do profesor Ignacio Cabarcos permiten reconstruír parte da historia do
antigo cenobio que tiña a xusrisdicción sobre o Cancelada de Arriba

18 mar 2023 . Actualizado a las 21:45 h.

A aldea de Mosteiro no Concello de Cervantes lembra, co seu nome, a existencia do cenobio de San Salvador de Cancelada nunha época pasada. O mosteiro tería existido polo menos durante 200 anos, entre os séculos X e XII, e pódese afirmar con certa seguridade que estaría situado na mesma aldea de Mosteiro, no que hoxe é a igrexa parroquial de San Xoán, onde foi atopada nunha sancristía parte dunha celosía en arxila soterrada durante unhas reformas. A investigación documental realizada polo profesor de Historia do IES de Becerreá, Ignacio Cabarcos Fernández, vén dar a coñecer algo da historia daquel mosteiro que ata o de agora permanecía oculta.

Sen que existan datos da fundación nin de cando e como foi abandonado, pódese concretar que San Salvador de Cancelada existiu no século X, mentres que no XIV xa só era un topónimo. Tratábase dun mosteiro masculino, a diferenza da maioría dos mosteiros dúplices da Galicia altomedieval, e estaría rexido por un prepósito, cargo de raigame visigoda que sucedía en xerarquía ao de abade, como consta nun documento do ano 1002, onde figuran sete relixiosos que polo menos o habitaban daquela: o prepósito Sendino, os presbíteros Elías e Froila, e os frades Eldrico, Gauderico, Atán e Mirón. Un número de monxes que permite clasificalo como un mosteiro non tan pequeno para a época, segundo describe Cabarcos, lembrando que o de Samos fora refundido no século X con 17 monxes.

Un longo preito entre bispos

O mosteiro vai estar involucrado nun longo preito entre os bispos de Lugo e de León durante os séculos XII e XIII. Desde fins do XI os bispos de Lugo reclaman ao Papado a devolución das bisbarras de Navia, Triacastela e Valcarce, agrupadas no Arcedianato de Triacastela, que os reis entregaran previamente a León. Este territorio pasará alternativamente a un ou a outro bispado ata mediados do século XIII, cando o preito remata coa definitiva incorporación a Lugo do Arcedianato de Triacastela e do mosteiro de Cancelada. Porén León seguirá reclamando sen éxito a zona e nomeando a un arcediago de Triacastela ata finais do século XV.

Fernando II deullo ao Bispo de Lugo

O docente de Becerreá Ignacio Cabarcos apunta que a existencia do mosteiro de San Salvador é coñecida entre os medievalistas por ter sido obxecto dunha doazón do rei Fernando II ao Bispo de Lugo no ano 1167, rexistrada nun documento publicado en numerosas ocasións. Esta doazón incluía ademais do mosteiro, o seu patrimonio feudal: as igrexas, as terras, os servos e a xurisdición sobre un territorio. Polo que respecta á xurisdición, esta outorgaba ao mosteiro, e porén ao bispado de Lugo, o privilexio sobre os habitantes do couto de cobrarlles os impostos, servizos e dereitos que con anterioridade á doazón real correspondían ao rei.

Por último, o cotexo de distinta documentación permitiu ao profesor Cabarcos debuxar o territorio administrado polo mosteiro de San Salvador de Cancelada, que abranguería as parroquias cervantegas actuais de Santo Tomé de Cancelada, San Xoán de Mosteiro e Santiago de Vilasante, situadas no val do río Cancelada a partir de Pontes de Gatín (Becerreá). Esta xurisdición tería continuidade no século XVIII como Cancelada de Arriba, baixo o señorío do Arcediago de Triacastela.

Ignacio Cabarcos: «Sorprendeume tanta documentación; non sabía que esta zona tivera importancia na Idade Media»

Ignacio Cabarcos
Ignacio Cabarcos ALBERTO LÓPEZ

Ignacio Cabarcos Fernández (Lugo, 1974) vén de poñer no mapa da Idade Media o val cervantego do Cancelada de Arriba, nun artigo publicado no número 64 da revista Lucensia. Os seus estudos de investigación documental revelan que a zona atraeu os intereses dos grandes poderes eclesiásticos da época que crearon dominios e centros de poder, como o desaparecido mosteiro de San Salvador, propiedade de Carracedo (diocese de Astorga, León). A importancia medieval deste territorio, situado entre Pontes de Gatín e O Comeal, sería consecuencia do paso da vía romana XIX, que perviviría como unha vía principal de entrada a Galicia durante a Idade Media, un feito ata o de agora esquecido pola historiografía.

—Que destacaría do traballo de investigación?

—Non esperaba atopar tanta documentación, xa que inicialmente pensaba que a ningunha institución relixiosa lle ía importar a zona. A propia existencia de documentación é indicativa de que esta terras de Cervantes eran importantes e depende de se había algunha institución relixiosa, mosteiro ou catedral, interesada polo lugar. Non é que o resto da poboación non escribira, pero non gardaban tan ben os documentos, que se dispersarían coas herdanzas.

—Cales eran as institucións eclesiásticas que tiñan intereses nesta zona?

—Sorprendeume especialmente o interese de Carracedo. A presenza de Lugo e de León xa as esperaba, por estudos anteriores; Samos tiña pouco en Santo Tomé de Cancelada e, con respecto a Penamaior, a documentación está sen publicar, aínda que aparentemente tamén tiña pouco.

—Destaca no artigo que foi a vía XIX a que condicionou que a zona fora desexada por estes poderes eclesiásticos…

—Por suposto; se Carracedo tiña posesións é porque el mesmo estaba a carón da vía romana e, a través dela, foi expandíndose e penetrando no territorio de Cervantes ata converterse no principal propietario. Os foreiros de Cervantes, ademais de rendas, tiñan a obriga de dar pousada ao abade e monxes de Carracedo, curiosamente unha condición que Carracedo só esixe nestas posesións, o que pode indicar a presenza habitual das autoridades de Carracedo nesta zona; que está documentada, por certo.

—Está o val do Cancelada de Arriba esquecido pola historiografía?

—Antes de comezar a investigación presupoñía que sería unha zona illada e sorprendeume atopar parte da documentación, en especial a de Carracedo. Como medievalista teño a referencia do Camiño de Santiago e non contaba coa vía romana XIX. Na historiografía medieval esta vía está esquecida totalmente. A partir do século XI o Camiño Francés converteríase na principal vía de comunicación coa Meseta, sen lugar a dúbidas; pero antes é probable que a vía XIX tivera máis importancia da que pensamos.

—Sitúan definitivamente os seus estudos o desaparecido Mosteiro de San Salvador?

—Había certas dúbidas, prantexadas por algúns autores, de se o mosteiro estaba na parroquia de Santo Tomé ou na actual de San Xoán de Mosteiro (moi próximas). É evidente que estaba no que hoxe é San Xoán de Mosteiro: en obras de reparación realizadas neste século, atopáronse os restos dunha celosía en arxila, que probablemente pertencían ao desaparecido mosteiro. Por certo, chamouse San Salvador de Mosteiro de Cancelada ata o século XV polo menos, e non cambiou de advocación ata moito máis tarde.

—Como pode chegar a esquecerse unha zona que tivo tanta relevancia?

—É algo que pasa hoxe tamén. Cando unha vía importante de comunicación cambia de trazado, os sitios polos que transcorre abandónanse e o que había ó redor esmorece pouco a pouco. A vía XIX perdería importancia pola competencia do Camiño Francés, que sabemos que xa tiña relevancia polo menos dende Alfonso VI, quen lle dá O Cebreiro a Aurillac. O Camiño Real de Carlos III supón o inicio do declive da vía romana, xa que dende primeiros do século XX os veciños de ambas caras dos Ancares preferirán a Nacional VI, o que levará ó camiño romano á completa desaparición nesta zona.